Lara Pintos e Mar Ramón Soriano. Dúas artistas para redescubrir o cotián

Hai xa dous anos que nos pechamos nas nosas casas. Algúns tivemos que traballar con debuxos animados de fondo. Outros conviviron cos seus pensamentos, tan enxordecedores como os nenos doentes por saír á rúa. Gaston Bachelard, na súa Poética do espazo (1957), falaba da casa como o noso recanto do mundo, o noso primeiro universo. Os pisos tornaron de novo en cosmos, mais era un cosmos insuficiente, claustrofóbico, no que loitabamos por atopar a nosa órbita. 


 

Pouco a pouco algúns fomos afacendo a mirada, redescubrindo o cotián: a luz escribindo sobre a alacena da cociña, sobre a mesiña de noite, as sombras nas paredes, convertidas en reloxo de sol, os recantos do cuarto nos que nunca acontece nada, os recordos esquecidos no caixón. 

"Patio de Luces", de Lara Pintos. © Lara Pintos

Lara Pintos (A Coruña, 1984) e Mar Ramón Soriano (Valencia, 1993, afincada en Ourense) xa repararan neste pequeno universo. Leran a Bachelard. Inspiráronse tamén en Louise Bourgeois, nas súas mulleres casa. 

Lara Pintos, no seu estudio. © Cedida

Lara Pintos debuxa as nosas casas para falar de nós. A habitación da infancia, a cociña baleira, a paisaxe no cadro do salón que todos recoñecemos. 

A súas pinturas de espazos cotiáns son os retratos da nosa memoria. Di Bachelard que a casa, como o lume, como a auga, rescata os nosos recordos. A nosa casa é unha viaxe no tempo a todas as nosas outras casas, tamén á primexenia. Reconfórtannos porque son refuxio, espazos moitas veces vividos en soidade e, por iso, inesquecibles. Bachelard di tamén que as lembranzas do mundo exterior non terán nunca as mesmas tonalidades que as lembranzas da casa. Lara Pintos sempre amosa a luz do día. Unha luz agrisada, atlántica, como ela mesma reivindica, que coincide coa da nosa infancia. Era a luz que se coaba entre as fendas das persianas cando espertabamos os días que non había escola, a que rebotaba nos azulexos que xa non existen. As súas pinturas son espazo real e simbólico; nelas converxen as nosas idades e as dos nosos fogares. 

Lara Pintos sempre amosa a luz do día. Unha luz agrisada, atlántica, como ela mesma reivindica, que coincide coa da nosa infancia. 

A casa, durante o confinamento, foi refuxio pero tamén cárcere; unha realidade que xa existía para demasiadas mulleres, por demasiado tempo.  Louise Bourgeois amosara esta dualidade coas súas figuras metade muller, metade casa, coas que representaba un espazo tan seguro como claustrofóbico. Lara Pintos realizou numerosas homenaxes a estas figuras híbridas.

Autorretrato de Mar Ramón. © Cedida

Mar Ramón tamén se ve influenciada por Bourgeois. A súas esculturas e ensamblaxes xogan coa tensión entre opostos: refuxio e gaiola, beleza e repulsión, resistencia e fraxilidade. Descontextualiza e manipula obxectos cotiáns para que observemos o que ata entón pasaba desapercibido: a harmonía do seu deseño, pero tamén a relación destes utensilios coa nosa memoria, co noso corpo e coa nosa sociedade. Porque o persoal sempre é político. 

 Os recantos, segundo Bachelard, son refuxios dentro dos refuxios. Espazos onde acuruxarnos, onde protexernos, desde o noso corpo, desde a nosa habitación, desde a nosa casa.

Traballa con tecidos e con cerámica, coa suavidade das teas e coa cor rosada do barro. As súas pezas son a abstracción dun corpo, seducen e perturban, quizais porque nos recoñecemos nas súas formas e cores, pero tamén na seu estrañamento. 

En 46 registros de espacios inertes Mar Ramón presionou coas súas mans un anaco de barro en cada un dos recantos da casa na que pasou o confinamento. Os recantos, segundo Bachelard, son refuxios dentro dos refuxios. Espazos onde acuruxarnos, onde protexernos, desde o noso corpo, desde a nosa habitación, desde a nosa casa. Espazos baleiros, cheos de po, onde estamos a salvo. Mar Ramón converte ese espazo baleiro en sólido, descontextualízao, elévao do chan. Paradoxalmente ese recanto, agora peza de arte, convértese nun obxecto vulnerable e desprotexido, exposto involuntariamente. O refuxio converteuse no seu contrario.

En 46 registros de espacios inertes, de Mar Ramón. © Mar Rarmón

Xa hai moito que volvemos saír ás rúas, pero algo cambiou nalguhas miradas. Algúns afixémonos ás horas lentas, sincronizámonos co latexo pausado do reloxo da cociña. Como Lara e Mar, aprendimos a recoñecernos nos patios de luces, no cadro no salón, nos recantos que nos protexen, pero que tamén nos aillan. 

 

[Bachelard, Gaston. La poética del espacio. Fondo de cultura económica de Argentina, páx. 28. Buenos Aires, 2020.]

Ana González Chouciño

Ana González Chouciño

Despois de estudiar Historia da Arte en Santiago e traballar no CGAC, Ana González Chouciño emigrou a Edimburgo onde residiu durante 10 anos. Alí cursou un máster en arte contemporáneo e comisariado, e co-dirixiu a galería de arte Interview Room 11. Actualmente reside en Tarragona. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.