Despedida dos bares

© Ana Gayoso Ramón

Dende hoxe, venres 6 de novembro, e ata pasado un mes como mínimo,  non poderemos entrar en restaurantes, bares, cafetarías, tabernas e similares en toda a nosa Galicia queridiña. #Mecajonomundomiñoca


 

Todo indica que, se as previsións non erran, isto vai supor unha perda económica importante. Pero non conto nada novo e tampouco sei moito do tema agás da desinformación que todos sentimos. O que si podo afirmar e que moitos sentimos que imos botar moito de menos os nosos sitios de recreo, o territorio conquistado se os camareiros te chaman polo teu nome.

Como son máis do periodismo de rúa que de mercar os xornais (agás os domingos, nos que interpreto o papel de señora de ben) esta mañá, como todos os días dende hai xa 5 anos, acompañei a Tolo no seu paseo. Tolo é o meu convivinte canis familiaris, non pensar que estamos a incumprir norma ningunha.

Ás 8 e media da mañá baixamos pola Rúa de San Pedro e de súpeto vimos como na praza do 8 de marzo xa estaban reunidos os primeiros asistentes a esta especie de despedida apurada. Valentes e fieis sentindo esa morriña do último día de colexio, no que por moito que penses nas vacacións, tamén tes unha #penamoijrande por non ver os teus amigos nunhas cantas semanas. A mágoa e que aquí non hai tampouco xeados e praia nas nosas cabezas.

En Mazarelos un pouco do mesmo pero con algo máis de afluencia. Rapaces universitarios agardando a quenda nunha copistería e apurando o chupito de cafeína. É venres e eu só podo pensar en que o normal  se es estudante sería que estiveses collendo a cama a estas horas.

Na praza do 8 de marzo xa estaban reunidos os primeiros asistentes a esta especie de despedida apurada. Valentes e fieis sentindo esa morriña do último día de colexio.

E seguindo co percorrido chegamos ó paseo da fama das terrazas compostelanas: Porta Faxeira. Aquilo parecía o enterro de Lola Flores. Xente de todas as clases e clase en toda esa xente. Seres compartindo un sentimiento, unha afición, almas nun mesmo corazón.

No medio do ruído dos inoportunos camións e furgonetas de reparto podiamos escoitar «Agardo que sexa só un mes» ou «Xa non nos poden quitar máis, meu fillo!». Imaxino que  moitos dos alí presentes estaban a argallar algún plan de comunicación secreto para soportar estes días que irán borrando do calendario ata rematar esta especie de conta atrás. Na miña cabeza soarán as gaitas da Muiñeira de Chantada o día que voltemos.

Bares, pubs y discotecas y así pasan los años” cantaban Los Suaves. A eles xa os botamos de menos dende hai un tempo longo. A eles, os festivais, as salas de concertos e as verbenas. Case nos vai esquecer o movemento de pelve ao ritmo de Paquito el Chocolatero. Desta estampa e das queridas comisións de festas fala na súa canle de Youtube o meu descubrimento da semana, Adrián do Regenco (xuro que é a dose de Prozac que precisades neste mal trago).

Voltamos do paseo e, nada máis entrar na caloriña da casa, Tolo foi correndo á cociña. Meteu a lingua no bebedoiro e logo sentou e quedou mirando o infinito, tramando unha das súas. 

Sei que trataba de dicir algo. Parecera que o can, de lonxe moito máis intelixente ca min, fose plenamente consciente de que isto é o que nos queda por un tempiño. Pero que, o día que poidamos, vai ser boa.

 

Ana Gayoso Ramón

Ana Gayoso Ramón

Coruñesa de nacemento e amante a tempo completo  de Compostela dende o 2008.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.