Novo videoclip para "A da misántropa riquiña"

Lucía Aldao e Fanny & Alexander estrean videoclip para "A da misántropa riquiña", unha peza protagonizada pola poeta coruñesa e realizada polo propio dúo compostelán que pon imaxes a un dos temas incluidos no álbum Manifestas Vol. I, editado  o pasado mes de xaneiro. 

Manifestas é un proxecto musical que reivindica o papel protagonista das abondosas voces femininas que habitan a escena galega, unha conquista que xunto co pulo da lingua e a naturalización da tradición teñen sido eixes fundamentais na normalización da nosa música nos últimos anos. 

Para este primeiro volume, que xa se atopa en todas as plataformas dixitais, as sinerxias confluiron con Su Garrido Pombo, que aportou “O outro lado” do seu último traballo Patios de luz;  Lucía Aldao, que emprestou “A da misántropa riquiña” do seu Pava 2; Ugia Pedreira, que fiou “Vida ainda” do seu primeiro traballo como A Pedreira, e Mai, que encomendou “Big Bang” do seu disco de debut, Nigredo. 

Lucía Aldao estará ao vivo xunto a Anxo Araújo este venres, 19 de abril, na Sala Sonar de Compostela.

Créditos

 

Lucía Aldao - "A da misántropa riquiña"

 

Fanny & Alexander Remix . Manifestas Vol. I

 

Manifestas Vol. I é a primeira entrega dunha serie de EPs nos que Fanny & Alexander deconstrúen músicas dalgunhas das máis poderosas voces femininas da escena galega. 

 

Unha proposta, tan sinxela como complexa de executar no musical, que ispe as cancións das súas roupaxes orixinais para voltalas construír dende os propios alicerces vocais en forma de reinvención en clave electrónica, levando as pezas orixinais a territorios tan inéditos como as pistas de baile. 

 

Tamén che interesa

  • Fanny & Alexander con Arancha Nogueira. Música para reivindicar a soidade

    Fanny & Alexander estrea videoclip para "O ruxir da túa ausencia", terceiro sinxelo do seu último álbum A túa ausencia neste ar, publicado a finais do pasado ano. Unha peza audiovisual inspirada na estética da banda deseñada, manufacturado pola propia banda dende o máis estrito do it yourself, que conta ademais coa colaboración visual e sonora da poeta Arancha Nogueira, autora dos versos nos que se basea a letra da canción. 

    Música
  • A túa ausencia neste ar. Volven Fanny & Alexander, 12 anos despois.

    «Un novo álbum no que, coma o mariñeiro embarcado, a emigrada retornada ou o exiliado político, voltan a casa na percura do que foron». Así presentan Fanny & Alexander o seu cuarto álbum tras 12 anos ausentes da música galega. A túa ausencia neste ar é un disco de querencia conceptual no que «todas as cancións xiran arredor da perda, da ausencia, do que se pode perder nun simple xiro argumental da vida: os pais, os avós, un fillo, o amor, a consciencia dun mesmo, a individualidade coma persoa...».

  • "A pantasma do espello". Fanny & Alexander adaptan un poema de Lorena Souto no seu novo single

    "A pantasma do espello" é o segundo sinxelo de " A túa ausencia neste ar" (A Regueifa Plataforma 2.0, 2022), o álbum que supuxo o rexurdimento do dúo compostelán Fanny & Alexander trás unha década en barbeito. Baseado nun poema de Lorena Souto escrito ad hoc para o disco, a canción enfía a temática común do disco, a ausencia, dende o prisma máis persoal posíbel, a ausencia dun mesmo, da propia conciencia. Un enfoque ao que aporta un especial valor engadido o Spoken Word de Theresa P. Lousame arredor da arbitrariedade da memoria extraido do seu videopoema "Senseno". 

    Música
  • Fanny & Alexander versionan a "Panxoligna de amor R5" de Familia Caamagno

    Un dos máis firmes propósitos de ano novo de FANNY & ALEXANDER logo da súa volta é escribirlle unha carta de amor á música contemporánea galega en forma de versións. Unha sorte de mixtape coa que irán liberando ao longo do ano reinterpretacións dos seus clásicos galegos favoritos das últimas décadas. Ben poderían comezar coa versión electrónica do "Viva a nosa unión" de Xenreira ou coa revisión shoegaze do "Rebolando x ti" de Verto,, mais tendo en conta a época do ano na que estamos prestoulles moito máis comezar coa fermosísima "Panxoligna de amor R5" dos seus admirados Familia Caamagno.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.