"Creo que o ser humano se está a afastar do que é propio". Sheila Patricia, cantante, compositora, pandeireteira, bailarina... dixo "basta". A artista anunciou recentemente unha pausa para pensar, tomar aire e reflexionar tranquilamente sobre o seu camiño. Na súa carreira, de máis de 20 anos, nunca parara, mais agora, cunha pequena de pouco máis dun ano, está a comprobar a voracidade dunha sociedade que che "obriga a producir" e especialmente na industria discográfica, moi esixente de seu.
"Este sistema non está afeito para que unha nai poida soster semellante proxecto desde a independencia. Entón a parada é para dar un golpe na mesa e dicir, oes, aquí isto é moi bonito pero a conciliación é unha cousa que non existe e tamén para reflexionar eu internamente e dicir: como quero que sexa esta Sheila Patricia?", explica a artista. A parada chegará dentro dun ano pero ata entón presentará un novo disco de "despedida" e poderemos vela de xira. Este mércores, día 30, actuará, con toda a súa banda, no parque de Galeras de Compostela.