Miudiño Sessions: Ugía Pedreira

Décimo novena entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola nosa música e lingua que máis alá da promoción de novas propostas e o rexistro das máis veteranas tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a vivir, por número e por calidade, de proxectos musicais na nosa lingua.

Desta volta as cámaras da Regueifa Plataforma tiveron a fortuna de recibir a visita dunha das grandes voces da música galega das últimas décadas, Ugía Pedreira. Na teense ponte de Francos a mariñá, que anda a preparar o seu segundo disco en solitario baixo o nome de A Pedreira, esfolou tres pezas para ficar na memoria: "Qué pasa arredor de min", sobre uns versos de Rosalía de Castro, e "Sabe a pam", na compaña da guitarra, e "Atlante", un tema novo inédito que interpretou a capella.

Créditos

Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 presenta as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares.

Máis Vinte

  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Minguante

    A Regueifa Plataforma viaxou ata Lousame para chantar as súas cámaras e micrófonos na antiga fábrica de papel de Fontán, fundada a comezos do século XIX polo tío de Domingo Fontán, e rexistrar a sesión de Minguante. Nunhas ruínas máis axeitadas para os ecos dos trasnos e as bruxas que de Neil Young o dúo formado polo escritor Miguel Alonso e Óscar Martínez debullou catro temas do seu primeiro disco longo, "A incrible historia dos homes minguantes", publicado o pasado ano. 

    Música
  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Loita Amada

    Desta volta as cámaras d'A Regueifa Plataforma viaxaron ata A Estrada para filmar a Loita Amada, o proxecto liderado por Pablo Carracedo Jasper (Xenreira, Nao, A Matraca Perversa...) e Nébeda Piñeiro (Cantometrics) que comezou a súa andaina a finais do pasado ano. A carón da lareira familiar ecoou na pedra "Un anaco de min", unha das pezas máis emocionantes do seu primeiro disco, e unha moi persoal adaptación dunha das gravacións que fixo Alan Lomax no país hai setenta anos e levada, coma non podía ser doutro xeito a coordenadas revolucionarias. Loita Amada atópase agora mesmo a preparar o que será o seu segundo disco, un traballo que gravarán en terras vascas con Kaki Arkarazo aos controis e que verá a luz en 2024.

    Música
  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Músculo!

    Desta volta as cámaras d'A Regueifa Plataforma viaxaron até Catoira para filmar a rachadora proposta electrónica de Músculo! manufacturada ao vivo. Facendo honor ao concepto detrás do seu novo disco, o propio Ulla, decidiron chantar na ribeira do río os seus sintetizadores, samplers e caixas de ritmos para esluír a paisaxe fluvial nas súas propias paisaxes electrónicas. Unha sesión para recordar onde os baixoulláns construíron unhas músicas ("As penas", "#anti#go" e "Ulla") que transformaron unha antiga fábrica de tixolos na perfecta pista de baile improvisada.

    Música
  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Anxo Araújo

    Décimo quinta entrega das Miudiño Sessions. Desta volta as cámaras d'A Regueifa Plataforma foron ata o corazón de Vigo para filmar tres alfaias do indie pop manufacturado polo pontevedrés Anxo Araújo. As antigas pedras das paredes dun local con tantísima(s) historia(s) coma A Casa de Arriba foron a cámara de resonancia perfecta para ecoar a narrativa do seu delicado pop tinguido de luminosa saúdade, interpretando tres temas do seu primeiro disco, Plan de Urbanismo Para Un Novo Couto Mixto, editado en 2021. 

    Música
  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Su Garrido Pombo

    Undécima entrega das Miudiño Sessions, desta volta con Su Garrido Pombo, que vén de lanzar 'Patios de Luz', o seu segundo disco en solitario. Unhas músicas que precisaban un contexto e un espazo tan especial coma a luminosa terraza olívica que xenerosamente nos cedeu esa lenda viva do indie que é Marco Maril, produtor ademais do album. Arrodeadxs de roupa pendurada e coas Illas Cíes no horizonte fomos testemuña privilexiada dos feitizos polifónicos que a meiga de Fornelos de Montes é quen de cociñar no seu looper coa súa voz, percusión e guitarras coma únicos ingredientes. Cando o talento é sobrenatural, a maxia pode abrollar mesmo nun espazo tan cotián coma un patio de luz.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.