Vinte en Vilalba. «Aquí ves futuro porque o hai»

Coa colaboración de

«O que máis te marca é que es de aquí». A capital da Terra Chá é a primeira parada de Vinte na vila, o novo espazo de VINTE concibido para contarnos máis e mellor a nós mesmas e entre nós. Para achegarnos devagar á vida cotiá de cabeceiras de comarca que impulsan as súas contornas e merecen ser contadas a través do que fai a súa xente

 

Semellaba que o verán tampouco daba chegado a Vilalba o xoves que saín de Santiago ata alí. No camiño, á altura do Pino, a choiva fixo acto de presenza mentres dous grandes camións rodeaban o meu coche. Compartimos traxecto ata a autovía A-8. Máis camións e unha fina néboa ata chegar ao polígono Sete Pontes, con preto de 120 empresas a pleno rendemento. A maior parte da actividade vai por dentro das naves, pero o movemento entre elas é constante. Máis dun milleiro de persoas traballan neste polígono industrial responsable de gran parte do éxito da capital da Terra Chá

Aparco fronte a Norvento enerxía, que ten unha maqueta dun aeroxerador como reclamo. Vou na busca de Fernando Pereira, que desde a compañía Energy Team vai instalar a maior planta fotovoltaica do país nunha parcela moi preto do polígono, na parroquia de Goiriz. “O que máis te marca é que es de aquí”, asegura Pereira cando lle pregunto sobre o seu desenvolvemento profesional na vila que o viu nacer, que considera unha contorna ideal para o seu sector.

«Aquí estás nunha contorna na que tes moitos recursos que ves que precisan dunha primeira transformación, de darlle un valor engadido, e iso o que lle dá é unha trazabilidade. Ves posibilidades de futuro porque realmente as hai. Esa posta en valor dos recursos naturais leva aparellada a xeración de riqueza, a explotación do vento e da madeira xeran riqueza, que leva consigo a creación de postos de traballo estables, que son os que en realidade permiten o asentamento de poboación», explica. 

Rúa da Pravia de Vilalba CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

«Na enxeñaría industrial ves moita perspectiva de futuro. Tamén estou participando en proxectos de explotación dos recursos, neste caso da enerxía. Estamos a construír varias plantas solares para a produción de electricidade e iso é moito máis doado nunha contorna rural que nunha gran cidade, onde non tes a mesma proximidade á veciñanza nin o mesmo acceso ao terreo», detalla o empresario, que se move por toda a Península pero non cambiaría Vilalba por ningures. 

Fernando Pereira traballa dende o polígono Sete Pontes no proxecto da maior planta fotovoltaica do país mentres o ten ilusionado a comunidade enerxética que impulsa en Xermade. «Temos que ser nós quen explotemos os nosos recursos», reflexiona mentres garante que non cambiaría Vilalba por ningures

Se hai algo que ten claro Fernando Pereira é que «temos que ser nós quen explotemos os nosos recursos». E nisto o caso de Vilalba é paradigmático, pois non foi escenario do desembarco de grandes multinacionais ou fondos de investimento opacos. Aquí a maioría son pequenas ou medianas empresas que van medrando a medida que se afianzan no mercado. «Temos que colocar nunha balanza o respecto á contorna e ao medio, e por outro lado a creación de postos de traballo estables. É un tema de discusión que non é doado, estamos vendo que non resulta fácil atopar a xusta medida en todo isto», argumenta o vilalbés, que fai referencia ás paralizacións cautelares de parques eólicos e á oposición veciñal á implantación do proxecto da celulosa de Altri en Palas de Rei. «Debemos respectar o medio, pero tamén hai que considerar que a xente ten que vivir de algo», engade. 

A raizame de Pereira é forte e hai un elemento diferencial de vivir nunha vila como Vilalba que destaca sobre todos os demais: a proximidade da veciñanza. «Cando precisas a alguén, sabes a quen acudir. E isto ten moito valor», defende. Logo están as boas comunicacións, o fácil acceso ao terreo e o preto que están os recursos naturais. 

Fernando Pereira, de Energy Team, no seu despacho en Vilalba CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

«Nas cidades estase máis próximo aos lugares onde se toman as decisións e hai moitas empresas, pero coa pandemia penso que mudou a perspectiva de moitas persoas que está a volver ao rural. Coñezo unha parella nova que montou unha granxa de vacún. E ademais hai algo que pasa nas cidades que aquí non pasaría nunca: polo meu traballo estiven en contacto cun edificio dunha cidade galega do que precisaba os consumos de calefacción, ao velos decateime de que había moitos pisos que non a acenderan ese inverno. Aquí iso non pasaría porque en todo caso tes acceso á leña, e agora ás placas solares de autoconsumo», describe. 

Un dos proxectos que ten máis ilusionado a Fernando Pereira é a comunidade enerxética que está impulsando no municipio de Xermade, onde se está a percorrer as parroquias falando coa veciñanza para explicarlles o que van facer. «Ves interese e non ves oposición. É un exemplo moi claro de que se á xente a informas con total transparencia, é proactiva e súmase aos proxectos», celebra. Despedímonos no seu despacho, pero antes de marchar pregúntolle que significa para el vivir en Vilalba e non dubida: «Calidade de vida». 

Dispravia comezou fabricando o roscón típico da comarca e agora bate récords cos seus xa famosos panettones galegos

Na outra punta do polígono industrial atopo a sede de Dispravia, onde se fabrican os xa famosos panettones feitos en Galicia que se poden mercar nalgúns supermercados do país e as tortas, roscas ou melindres baixo a marca comercial Corona de Andrade. Tino Graña, xerente da empresa, di que a súa maior satisfacción é crear postos de traballo no seu concello. Esta mañá está no despacho, o día anterior pasouno fóra en reunións, e se lle acumularon os papeis na mesa. Pide desculpas polo desorde mentres intenta non atender a todas as chamadas que lle entran para non cortar a nosa conversa. 

2023 foi un ano de récord para Dispravia, cun cadro de persoal fixo de en torno a 14 empregados pero que nos meses entre setembro e decembro chega a empregar a 40 persoas. «Estamos medrando en torno a un 15% anual, xa houbo que facer algunha ampliación aumentando a capacidade de produción e vai quedamos curtos», conta desde o seu despacho, presidido por un retrato de cando era máis novo que lle fixeron en París. 

Carmen Durán cunha rosca de améndoa na súa tenda, Casa Anduriña, CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

Tino Graña sinala que a clave é vender «produtos axeitados á demanda do mercado» porque os produtos «cun pvp [prezo de venda ao público] accesible, a pesar de que non sexan de primeira necesidade, séguense vendendo incluso nas épocas de crise». Comezaron vendendo o roscón de améndoa típico da comarca –«por desgraza aínda un gran descoñecido», apunta– pero é máis caro de fabricar e custa introducilo no mercado. 

Agora o 95% da venda faise a través das grandes cadeas e aí entran mellor as tortas de améndoa tipo a torta de Santiago ou os panettones. «Fómonos deixando levar polo mercado. A demanda do panettone medrou moito en pouco tempo e xa está moi estabilizado na campaña do Nadal, que cada vez se alonga máis, e incluso hai grandes superficies que están a probar a telo todo o ano», destaca Graña, que non ve impedimentos a seguir en Vilalba se a empresa continúa a medrar. «As comunicacións melloraron moito, podemos servir en 24 horas a Madrid ou 48h a Barcelona, e facemos un produto que gusta», asevera. 

O que máis preocupa a Tino Graña é que se lle complica atopar man de obra, e iso que, recoñece, ten para cubrir moitos postos nos que formación precisa non é determinante, son traballos «que dependen case máis da actitude». Aposta por contratar principalmente a mulleres, dos 40 empregados que chegou a ter o ano pasado, só catro eran homes, e el era un deles. No concello de Vilalba están censadas preto de 14.000 persoas, das que arredor dun milleiro veñen de fóra, mais para Graña «non se nota que se estean incorporando ao mercado laboral». 

«O que pase coas novas xeracións depende do que lles ensinemos, hai que ensinarlles o amor pola terra»

Dispravia ten perspectivas de superar o seu propio récord este ano, o que para Graña é un bo síntoma tamén para a propia vila. «Vilalba segue a ser unha vila de paso e as zonas rurais teñen moito peso historicamente, pero están minguando moito porque marcha a poboación, ou morre. Cada vez hai máis casas pechadas e é unha mágoa que non se aproveiten as capacidades que temos, que os políticos non aposten polo rural. Non se lle pode pedir á xente que se asente nun rural sen servizos básicos como a sanidade e a educación», afirma. 

«O que pase coas novas xeracións depende do que lles ensinemos, hai que ensinarlles o amor pola terra. Aquí aínda temos moita capacidade de producir sen regar e cada vez hai máis terreos sen traballar no campo. Hai unha cousa que xa tiña clara, e que penso que despois da COVID entendeu máis xente, sen o que se produce no campo non se pode vivir na cidade», salienta Graña, quen valora que en Vilalba non houbo quebras de empresas nin na crise de 2008: «O que está a frear este polígono é a falta de chan industrial, estou seguro de que se conseguimos amplialo habería máis impresas para instalarse aquí».

Cunha torta na man, saio das oficinas de Dispravia para coller o coche e ir o centro urbano de Vilalba. O sol fíxose un oco entre as nubes. Penso que na zona histórica non poderei meter o coche e aparco na rúa das Pontes, a menos de cinco minutos andando da praza de Santa María. Paso pola casa na que naceu a cantora da Terra Chá Carmiña Prieto Rouco. Unhas casas máis adiante hai un zapateiro nun baixo, que traballa sentado nunha banqueta rodeado de pares de zapatos. Non hai moito movemento de xente, iso si, a praza está ateigada de coches aparcados e mentres tiro unhas fotos marchan e chegan varios vehículos. Alí están o Parador de Vilalba e a torre dos Andrade, que nos lembra que toda a vila estivo un día fortificada. 

Os pais de Carmen abriron Casa Anduriña hai case un século. Tras 84 anos entre tortas, viños, queixos e licores lembra os tempos nos que o comercio local era o único recurso. Para ela, a actualidade sae perdendo en calquera comparación

Hai bastantes tendas de alimentación nas que mercar produtos de proximidade, con especial énfase nos queixos da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa. Achégome a Casa Anduriña, na rúa da Pravia, porque é un deses establecementos que xa non abondan, nin no continente nin no contido. A Carmen Durán Carreira quédalle unha rosca de améndoa das que elabora ela mesma no forno que ten ao final do corredor, que conserva o mosaico de azulexos orixinal da tenda que abriron seus pais hai preto dun século. 

 «Eu nacín na tenda», asegura Carmen Durán, á que interrompo mentres mira o telexornal nunha pequena tele que ten ao outro lado do mostrador. Non vai frío en Vilalba, a pesar de que o verán se resista a chegar, pero ela leva unha chaqueta de la e mais unha touca por enriba. Fixo 84 anos e di que non hai recambio nos tempos de hoxe, polo que non sabe que futuro terá a tenda cando ela non poida atendela. Eran oito irmáns e ela entrou a traballar en canto puido botar unha man. Toda unha vida entre tortas, viños, queixos, licores, galletas... e cara ao público nunha das principais rúas da vila. 

Tino Graña, xerente de Dispravia, na súa oficina en Vilalba CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

 «Vilalba está morto», espeta cando lle pregunto que lle parece a humanización da rúa da Pravia, que agora é dun só sentido e ten unhas beirarrúas moi cómodas para camiñar. Ela lembra os tempos pasados, cando o comercio local era o único recurso, polo que en calquera comparación vai saír perdendo a actualidade. Nótase que lle gustaría que as circunstancias fosen outras, pero entende que comercios como o seu «non son rendibles hoxe». Que mágoa, a súa rosca de améndoa aguantou tres días fresca e estaba boísima. 

Despois de xantar a xente comeza encher as rúas da vila de actividade, na praza onde fan a Festa do Queixo hai agora un campo de fútbol cun intenso partido que ten ducias de espectadores e cando dan as cinco o parque comeza a encherse de crianzas. Sábeo ben Laura Villares, que ten dous fillos pequenos e está embarazada do terceiro. Ela naceu na Coruña, aínda que seus pais son naturais de Vilalba, pero instalouse aquí pola súa parella. Con 24 anos deixou a segunda cidade do país para vivir na Terra Chá e agora non se ve marchando. 

Laura naceu na Coruña e instalouse con 24 anos en Vilalba, de onde son os seus pais. Ten dous fillos e espera o terceiro. Celebra como se «modernizou» a rúa principal da vila

Conciliar é igual de complicado nunha vila, hai que tirar do apoio familiar, pero o ritmo de vida é outro. Villares está contenta, pero lembra que ao principio de mudarse tivo un impacto moi grande: «Un día chove e cos nenos só podes saír da casa para ir a un bar. Non hai parques cubertos ou outros sitios aos que ir coas crianzas». Con todo, asegura que non nota ningunha carencia en canto á crianza dos seus fillos porque ten acceso a gran variedade de actividades extraescolares e tamén á piscina. 

Laura Villares, veciña de Vilalba CC-BY-SA Praza.gal

Laura Villares, ao contrario que Carmen Durán, celebra como se «modernizou» a rúa principal do centro. «Paréceme estupendo que limiten o tráfico, en Vilalba hai moita costume de coller o coche para todo e as distancias non o xustifican. Por min como se a converten nunha rúa peonil, pero non o digo moi alto porque sei que a maioría dos veciños me comen se me escoitaran», confesa. 

Bota en falta máis oferta cultural e plans que poder facer nas fines de semana, aínda que recoñece que desde que funciona o Auditorio Municipal «están facendo un esforzo por traer máis cousas». Vilalba, a estas alturas non podía ser doutro xeito, ten o seu propio festival de música; e a pesar de que están en auxe os eventos ‘para todos os gustos’ o Festival Independente de Vilalba (FIV) mantense no indie, máis pop ou máis rock. «O espírito fiver transforma a vila durante uns días», conta o director do festival, Carlos Montilla, produtor de I-Radia Crea. 

O Festival Independente de Vilalba busca alianzas entre o indie e a cultura local. «A colaboración coa banda de música é do máis agardado, resalta o seu director. Este ano choveu e o Auditorio quedou pequeno para vela tocar»

Unhas 6.000 persoas pasaron polo FIV durante a fin de semana do 26 ao 28 de abril. «Para Vilalba con estas cifras xa é un macrofestival. É un alicerce e unha oportunidade para conectar públicos locais e foráneos, xa que un 60% dos asistentes veñen de fóra», sinala Montilla, que destaca o «sentimento de acollida» que se percibe durante a celebración do festival, que tamén busca alianzas entre as manifestacións culturais da vila: «A colaboración coa banda de música é do máis agardado do festival, quérese que o FIV manteña a súa identidade local e iso conséguese a partir destas iniciativas. Este ano choveu e o Auditorio quedou pequeno para toda a xente que quería ver tocar á banda no FIV». 

Ademais de por eventos como o FIV, o turismo comeza a facerse oco e xa se nota o aumento de albergues para peregrinos polo Camiño de Santiago nas parroquias. Porén, en Vilalba principalmente vívese da silvicultura, da gandería e da enerxía, pois as enerxías renovables xa son un bastión importante para a súa economía. 

Como en todas as vilas, a xente saúdase na rúa e recóllese cedo nos días laborables. «Unha das cousas que máis notei foi que na Coruña era moi independente, pero tes que facerte á idea de que en Vilalba todo o mundo sabe o que che pasa», conta Laura Villares. É o que sucede cando a xente se coñece

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Máis lugares

  • «Son un continuísta: o meu compromiso é que siga viva a mercería que Josefa Castaño abriu en 1942»

    «Chámome Ramón e son patronista, pero un sen pena nin gloria, non un dos que destacan. Ademais, son formador en téxtil. Agora, dende hai cinco anos, tamén teño unha mercería. Que cousas ten a vida».

    Vinte na rúa comeza co relato de Ramón sobre a mercería La Crisálida, na Coruña, paradigma do espírito co que nace este novo espazo: historias de xente coa que nos cruzamos a diario e que merecen ser contadas. Ramón colleu o traspaso en 2019 e deulle unha nova vida a un negocio histórico que a día de hoxe conta con 700.000 seguidores en TikTok e clientes de todo o mundo. Esta é a súa historia.

    VINTE na rúa

    Co patrocinio de

  • Vinte en ruta

    Vinte en ruta #01: Da Coruña a Ferrol dando toda a volta

    Comezamos hoxe VINTE EN RUTA, unha serie de reportaxes que combinan a crónica de viaxes e o roteiro gastronómico, sen saírmos da provincia da Coruña. Microturismo de proximidade, cousa slow, facer pouca gasolina e gastar poucos cartos pero gastalos aquí ao lado. Con firmas da casa VINTE e firmas convidadas que se botan á estrada para ver, con outros ollos, o que temos aquí ao carón. Co apoio da área de Turismo da Deputación da Coruña. 

    Lugares

    Co patrocinio de Turismo da Deputación da Coruña

  • Vinte en Silleda. O centro de Galicia está medrando

    Situada no centro xeográfico do país, Silleda é para moitos un sitio ao que volver, e tamén un sitio de acollida. É o epicentro das oposicións e da Semana Verde, algo que o fai lugar de referencia no país pero tamén é o segundo centro neurálxico dunha gran comarca, a do Deza, co permiso de Lalín. Neste concello xúntase xente de 38 nacionalidades, o sector primario segue a dominar aínda que a industria crece, e o sector asistencial tamén xera moito emprego. Vai habendo traballo e hai considerable demanda para alugar vivenda. Pasa o noso futuro por vilas coma Silleda?

    Lugares
  • Vinte en Ordes. Moito máis que unha vila de paso

    Para a maioría da xente Ordes é unha vila de paso a medio camiño entre Santiago e A Coruña. Para todo o mundo rural que hai arredor é a referencia urbana, a vila. E para toda unha xeración foi o lugar de festa nocturna que recordarán sempre. Pero, no ano 2018, que é Ordes?

    Lugares
  • Historias da mocidade en Lugo

    Vinte participando no Lugo dos anos 20

    É Lugo unha cidade para a xente nova? Como afronta a mocidade os cambios e os novos retos que esta década presenta para cidades coma esta? Como participar, imaxinar e construír entre todos un lugar atractivo para establecerse e non ten que marchar? Como afrontamos a vida en comunidade, a que nos queda máis preto? Falamos con nove mozas e mozos lucenses de como está a xente da súa xeración empezando a participar nos procesos de toma de decisións na cidade. 

    Lugares

    Coa colaboración do

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.