Esteban Yáñez. O tipo máis querido e brillante da internet galega

Faleceu Esteban Yáñez (@Snob) con só 35 anos e deixou centos de amizades e seguidores nas redes lamentando a súa marcha. A súa pegada dixital é intensa, e no seu caso ademais é un enorme legado cultural de talento, creatividade, activismo, erudición, comunidade e diversión. Intentar repasar a súa traxectoria é tamén facer historia da internet galega dos últimos 15 anos, en etapas sucesivas e mesturadas. A ver se somos quen. 

 

Etapa blogueira: un snob neurótico

Comezou no mundo dos blogs con 18 anos. Primeiro en castelán, cun título que lle quedou como alcume, tanto para as redes sociais como para a súa banda Os Megaloves: “Soy un snob neurótico”. Na súa primeira entrada, do 4 de xuño de 2003, preséntase bastante ben, case demasiado a xulgar por algunha frase premonitoria. O 25 de xullo de 2004, de volta de celebrar o Día da Patria en Compostela, encetou un blog en galego titulado Imbéciles e escuros. En 2009 abriu outro en Blogaliza e outro par deles en Tumblr. Ningún deles existe xa. 

 

Etapa Fotolog: Os Megaloves

Fotolog foi unha ferramenta esencial do underground compostelán (e doutros lugares) e había tantos como incipientes proxectos musicais. Os Megaloves foi o dúo que uniu a Snob e Vil Megalove, un nome que Esteban dicía que era en homenaxe a unha parroqua de Fene chamada Magalofes. Disque facían “Anarcountry e Murder Blues” e hai algúns vídeos deles polo Youtube, coma este no que fan unha das súas versións favoritas de Johnny Cash: "Folsom Prison Blues". De Archive.org recuperamos a súa despedida do Fotolog como testemuño de toda unha época. 

Captura de Archive.org CC-BY-SA VINTE

 

Etapa Chuza: a mafia do Fedello

Os máis ‘maduritos’ (terminoloxía snobiana) do lugar lembrarán Chuza!, a rede social de novas que adaptou o concepto Digg ou Menéame á internet galega. No tempo que durou a súa andaina máis gloriosa, entre 2006 e 2010, Snob foi un dos seus usuarios máis activos, especialmente naquel chat en directo predecesor do Galituiter que foi o Fedello. É difícil de explicar para quen non estivese alí, só comentaremos que foi un lugar onde se consolidou certa comunidade xa nacida no blogomillo con nomes como Modesto, Bertez, Ghanito, Ascárida, Ifrit, Besbe, Mourullo ou Postscriptum (agora Cascarelo), que son dos que máis choran estes días a súa marcha. Un feixe de bromas internas que se chegaron a recompilar nunha wiki de frases memorables e nun dicionario do Fedello, nunha etapa de divertida endogamia interneteira antes de que se consolidasen as redes sociais como as entendemos hoxe.

 

Etapa podcast: Amor en bruto

Agora son unha praga pero en 2009 facer un podcast era algo aínda bastante pouco común e menos en galego. O noso Snob tamén foi dos pioneiros nisto, alá por 2009, con Amor en Bruto, onde que practicaba unha das súas afeccións favoritas, poñer música. 

Co nome DJ Pezuñitas puña a mellor música en vivo, en podcast, tamén en Last.fm e, nos últimos anos, en Spotify. Facía polo menos unha lista de reprodución cada mes e os seus títulos eran o pura poesía trash

Captura do seu Spotify, con máis de 60 playlists. CC-BY-SA VINTE

 

Etapa curator: Google Reader 

Unha das cousas que máis lle prestaba a Esteban era ler cousas en internet e compartilas co resto da xente. Foi un dos usuarios de feeds máis ávidos que coñecemos e na época do Google Reader creou unha comunidade de xente que compartiamos, seguiamos, favoriteabamos e comentabamos artigos de blogs e revistas naquela microrrede social de apenas 20 persoas. Cando Google decidiu matar esta ferramenta foi unha desgraza para Snob, e axiña pasou a usar unha da aplicacións substitutas, a nostálxica The Old Reader, que mantivo alimentada ata o pasado 11 de abril. Como ninguén pasaba por alí acabou creando tamén a conta en Twitter Snob’s Compartuitos, onde filtraba a mellor mandanga que atopaba pola rede. 

 

Etapa Galician Bizarre: Shit Pony 

No ano 2010 saíu o primeiro recompilatorio do Galician Bizarre para recoller todo o que estaba pasando no underground galego, con bandas como Novedades Carminha, Telephones Rouges ou Shit Pony, o “dúo compostelán de BubblegumGaragePowerPopPunk” que formaban Snob Megalove e Alex KoploBitch (Alexandra Lores). Precedeu a Shit Pony o grupo Creativos Cero, que participou na edición 2008 do concurso Apologhit! cun temazo que xa non hai onde escoitalo. “Fiquei namorada (de Antón Losada”)

 

Etapa sueva: San Martiño de Dumio

Como membro da Comisión de Historia da Gentalha do Pichel, Esteban participou en moitas iniciativas coma esta do Sam Martinho’s Day, unha xornada de irmandade galego-irlandesa facendo cadrar o San Patricio co San Martiño de Dumio, o bispo considerado o apóstolo do Reino Suevo en Galicia. Velaquí a súa encarnación no século XXI.

 

Etapa Twitter: simplemente o mellor

Chegamos á última etapa, a de Twitter, aínda que a súa chegada a esta rede social remóntase a marzo de 2007. Foi dos primeiros e por iso o seu sinxelo alcume aínda non estaba pillado. Snob deixa este mundo con máis de 1.600 seguidores e vinte mil tuits emitidos en 13 anos. Algúns deles merecen unha vitrina no Museo do Pobo Galego. Velaquí vai unha pequena escolma dos seus chíos máis celebrados. 

 

Analizando a lingua galega e a cultura popular:

Inventando xogos:

Inventando coplas:

Outro dos legados que nos deixa como celebración popular é o San Quevin. Hai que ler o fío enteiro.

E ata pediu que lle dedicasen o Día das Letras Galegas (ver fío enteiro). Pois ben, como xa dixo alguén, dez anos logo pasan. Empeza a campaña. 

Xenio e figura… 

…e moi amigo de VINTE. Participou no noso vídeo de presentación cantando vinte en bastos. Botarémolo moito en falta. 

 

[Engadido un ano despois] Faltábanos por recoller estoutra parte da súa faceta musical, a de cantador e adaptador de rancheras ao galego. Coma esta 'Rancheira augardenteira" que permanece no seu Soundcloud. 

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.