Camila Viéitez. Misterios bonitos de ver

Igual non sabedes quen é Camila Viéitez. É que non dá moitas entrevistas. De feito, esta é a primeira. A min gústame describir a Camila Viéitez como a Virxe do Cristal do fanzine galego: como esa reliquia de fantasía recentemente roubada, a obra de Camila é preciosa, digna de contemplar, pero ao mesmo tempo ten un elemento de misterio, de conexión co sobrenatural. E, ademais, é inequivocamente galega. 

 

Camila traballa ás veces nunha vertente abstracta e centrada no simbólico, e ás veces retratando a realidade e próxima ao costumismo. Ás veces fai fanzines soa (Parálisis, Tratado de tiro con arco) e ás veces acompañada (Santos e Santas, en colaboración con Adrián Estévez, La estación de los amores con Jorge de Cascante). Tamén é unha das tres cabezas executoras do “simpático fanzine de risa” El Cosmonauta Tropical e ten deseñado camisetas ou realizado cartelería para centros autoxestionados como o Liceo Mutante e a Nave 1839. Aquí vai un repaso polo que ten feito ata agora esta artista polifacética para que a coñezades un pouco máis.

© Camila Viéitez

A maior parte do que fixeches é en formato fanzine. Por que te expresas principalmente a través del e decides autoeditarte?

Gústame moito o fanzine porque permite combinar ilustración e texto e, ao final, podes facer unha peza máis completa. As ilustracións ou os fanzines que fago xiran en torno a un concepto distinto en cada caso, e trato de exploralo dende todas as ópticas posibles e con todas as ferramentas que dá o fanzine. Interésame tamén a autoedición porque che permite facer o que ti queiras sen depender das restricións ou imposicións marcadas por outras persoas. De todas formas é o que sempre estamos falando, fas fanzines porque non tes ningún tipo de cortapisas pero, por outro lado, tampouco creo que o que se está facendo hoxe en día no mundo do fanzine (ou polo menos o que eu coñezo) fose ter moitas restricións. Ao final estás facendo unha obra que, polas temáticas e contidos que se tratan e polo nivel de calidade, podería estar perfectamente publicada por unha editorial. Tamén disfruto moito a parte do deseño editorial. Gústame facer un obxecto ben acabado e poder ter o control sobre todo o proceso para que a mensaxe quede clara.

«Interésame a autoedición porque che permite facer o que ti queiras sen depender das restricións ou imposicións marcadas por outras persoas. De todas formas (...) tampouco creo que o que se está facendo hoxe en día no mundo do fanzine (ou polo menos o que eu coñezo) fose ter moitas restricións.»

Vendo o teu traballo vense certos fíos que atravesan todo o que fas: as referencias á cultura clásica, a ilustración botánica, á historia natural, ao patrimonio galego... Por que estas referencias?

Interésame moito a simboloxía, os mitos, as fábulas... todo este tipo de contos que ensinan algo, que teñen algún tipo de moralexa. Ademais adoitan conter elementos visualmente rechamantes. Non sei, por exemplo, a ilustración de Hermes que fixen para o videoclip de Músculo! [dirixido por Rubén Domínguez], un jicho con ás nas sandalias é algo no que paga a pena fixarse un pouco [risas]. O que fago é servirme de iconas ou arquetipos para falar do que quero a través das ilustracións. O fanzine que fixen con Estevo sobre santos e santas do cristianismo [Camila ilustrouno con esculturas] parte dalgunha maneira dos contos do saber popular. Conecto bastante coa mística, co pensamento máxico... Se profesase algunha fe concreta igual faría arte sacra.

E con respecto á natureza?

Os animais teñen tamén ese compoñente de fábula que atopo moi interesante. Están cargados de simboloxía, as plantas e as pedras preciosas tamén... No cartel do Festival de Saumede, por exemplo, representei a irmandade entre unha donicela e unha bubela, dous animais que de primeiras son moi distintos, pero a imaxe está sacada dunha foto real na que a donicela está atacando á bubela. Eu representeino bonito pero o cartel ten unha segunda lectura máis crúa que se asemella máis á realidade de Saumede [unha aldea abandonada en A Bola que un grupo de activistas tenta revivir]. É unha mistura entre a ra e o escorpión. Na camiseta da serpe o mesmo, está representada a historia dunha barca solar, que é un mito da cultura exipcia. Aínda así, nestes casos teño moito tino porque non me gusta utilizar os símbolos dunha maneira frívola. Senón sería simplemente algo guai, sería unha camiseta do Zara.

«Teño moito tino porque non me gusta utilizar os símbolos dunha maneira frívola. Senón sería simplemente algo guai, sería unha camiseta do Zara.»

Tamén traballas coa reinterpretación de imaxes xa existentes, non?

Tento variar e buscar referentes novos cando teño que facer unha ilustración. Cando estou neste proceso e atopo algo que representa xusto o que quero expresar (como a foto para o cartel de Saumede ou o cadro “Pelea de gatos en una despensa” de Paul de Vos) tomo esas imaxes prestadas ou como punto de inicio. Sen facer unha copia evidente, pero sen negar tampouco de onde vén. Ao final a historia está chea de reinterpretacións. Dentro da mitoloxía, a romana non deixa de ser a grega un pouco maquillada [risas]. Recoñecer as fontes é necesario pero penso que a arte tamén está aí para meterlle a man e crear novas cousas ou engadirlle novos significados. Por exemplo, agora estou facendo bodegóns con emojis do whatsapp [como a imaxe orixinal que deseñou para a Colección VINTE, dispoñible para socias]. Todo pintando e composto tipo vanitas barroco pero con emojis. Son un elemento homoxenizador da linguaxe pero tamén democratizan os símbolos gráficos, porque un xa non ten que saber debuxar unha cabuxa ou un lume para enviarllo a alguén e poder falar sen palabras.

No que tes feito apréciase tamén un interese no misterio. Sei que participaches nun fanzine sobre Iker Jiménez, pero estou pensando máis ben na camiseta que fixeches sobre Portalén ou o fanzine medio autobiográfico Parálisis, no que indagas sobre as parálises de sono que tiveches durante un tempo. Pensas na arte como unha forma de acadar (auto)coñecemento?

Pode que as dúas cousas compartan un obxectivo didáctico, pero cheguei a elas por camiños diferentes. Coa camiseta de Portalén quería poñer o foco no patrimonio incrible que hai en Galicia pero que é moi descoñecido para os propios galegos. A idea era facer unha camiseta turística, como de “estiven en Portalén e acordeime de ti” para que a xente a puidese levar por aí, e vai tamén acompañada por un textiño no que se conta a historia do monumento. Ademais, unha parte do diñeiro vai destinado á asociación Capitán Gosende, que pon en valor o patrimonio da Terra de Montes. Logo si creo que a arte che pode axudar a autocoñecerte ou a darlle a coñecer cousas aos demais. Cando fixen Parálisis, estaba tendo episodios de parálise do sono como tres veces á semana e xa non sabía que facer. Empecei a escribir un diario no que apuntaba as alucinacións que tiña durante os episodios, e con iso fixen o fanzine. Cando vou a algunha feira e a xente o ve establécese unha conversa, porque as parálises ocórrenlle case a un 60% da poboación ao menos unha vez na vida. Sempre está ben sacar do malo algo bo. Supoño que é algo que podes facer a través de calquera disciplina, a música, a escritura... eu que sei, ata o deporte, eu non teño nin idea de deporte pero penso que será igual [risas].

Fanzine 'Parálisis', autoeditado por Camila Viéitez. © Camila Viéitez

Como é o teu proceso de traballo? Cal é a parte que máis che gusta de ilustrar?

O que mais disfruto é todo o traballo previo, pensar a idea, investigar sobre o tema. O que menos me gusta é a parte do debuxo. De feito case nunca fago bosquexos. Sempre traballo en base a listas de palabras e conceptos, nos meus cadernos o que máis hai é iso, palabras, como moito, debuxiños moi simples de composición da ilustración. Iso si, encántame entintar e pintar a man. Unha vez que pasei o trámite de debuxar disfruto moito do que me queda. As cores é un tema que sempre me interesou... Seica foi unha das primeiras cousas que aprendín a dicir, non sei se iso significa algo. Tamén me gusta ilustrar textos doutra xente porque che obriga a traballar cunhas premisas distintas ás túas. Como traballar por encargo, dáche a oportunidade de reflexionar sobre temas nos que ao mellor non pensas no teu día a día, buscar solucións a nivel gráfico.

Tamén fas parte do Cosmonauta Tropical, que ten o fanzine dese nome como cabeceira emblemática pero publica tamén cousas máis pequenas como España tal cual. Como vos organizades? En que tarefas levas máis peso?

Cando comezamos a facer o Cosmonauta, como no ano 2010, Xoxe e Esturao [os outros dous membros do grupo] eran os que escribían. Eu ilustraba algúns textos e maquetaba. No día a día estamos permanentemente analizando e falando sobre o que nos rodea, a sociedade actual, a política, e desas conversas nacen os textos. Agora participo máis na escritura, pero eles foron os que dalgunha maneira crearon o libro de estilo do Cosmonauta. Tamén sigo facendo ilustracións para acompañar os textos, pero non sempre, porque pedimos colaboracións a xente marabillosa que se presta a participar no fanzine. Logo sempre tentamos que en cada número haxa polo menos unha ilustración de cada un. Facémolo todo entre todos, dando ideas e pasando o ordenador, escribindo a seis mans, por iso o Cosmonauta non vai firmado. Sería moi difícil dicir quen fixo que. A verdade é que morremos de risa facéndoo, e logo ocorre esa maxia de que a xente tamén se ri léndoo. Eu no Cosmonauta digamos que levo o peso da edición, do deseño, maqueto, coordino as tarefas e encárgome da loxística.

Fanzines do colectivo 'El cosmonauta tropical'. © Cosmonauta Tropical

Agora imos deixar de falar de ti, que sei que non es nada diva, e vouche preguntar como ves a ilustración en Galicia.

Pois é case un tópico en todas as entrevistas a ilustradores pero supoño que é verdade que “É a hostia” e “nunca houbo tanto nivel como agora mesmo”, non sei (risas). Non, si que é verdade que cando eu empecei a facer ilustración o meu referente era oblog de Tronquis, onde estaban Berto Fojo, Natalia Umpiérrez, Bea Lobo, Carleti, Pelucas, e moita outra xente que fai cousas alucinantes... Entón nunca sentín a necesidade de buscar referentes fóra. Xa hai tantos ilustradores aquí, de estilos tan diferentes e facéndoo tan ben, que é moi inspirador, animáronme moito a facer cousas. É o de sempre, se vexo que o meu “veciño” puido facelo, eu tamén. Pero si, a xente que máis me inspirou está preto de min, ilustradoras como Begoña García-Alén, Natalia Umpiérrez, Pepa Prieto... Despois o que existe é un nivel de precarización brutal. Os ilustradores que poden vivir do seu traballo, que non son todos, fano grazas igual a revistas estranxeiras ou outro tipo de traballos que lles veñen de fóra de Galicia. Polo menos os casos que eu coñezo.

«Nunca sentín a necesidade de buscar referentes fóra. Xa hai tantos ilustradores aquí, de estilos tan diferentes e facéndoo tan ben, que é moi inspirador, animáronme moito a facer cousas.»

Xa para rematar quería falar da realidade laboral do teu choio. Vas a moitas feiras de autoedición por todo o Estado, traballas ás veces por encargo, vendes os teus fanzines na rede e deseñas tamén produtos como camisetas. Que botas en falta?

O que me resulta máis difícil é estar producindo e, ao mesmo tempo, promocionando e buscando encargos. O que boto en falta quizais é que fose mais sinxelo o paso que hai entre facer cousas nunha escena máis “minoritaria” e vivir dunha profesión digamos, artística. É posible, pero é o que máis custa. Vou a feiras fóra tamén porque dalgunha maneira é a xustificación que lle atopo a darme unhas vacacións, así non me sinto tan culpable porque penso que vou traballar, aínda que logo alí venda fanzines pero tamén estea de festa. Non quero caer na comodidade de dicir que boto en falta xente que estea atenta ao que se fai nos diferentes ambientes e o poida levar a un sector máis profesional. Pero igual si, creo que sería moi valioso para as creadoras e para o público en xeral que iso pasase mais a miúdo.

 

 

 

Camila Viéitez é a autora da segunda peza da Colección VINTE, iniciada o pasado mes de decembro con Leo Sousa. A Colección VINTE está dispoñible en breve na zona privada de socias. #FaitedeVINTE para recibir cada mes no teu buzón electrónica unha nova ilustración orixinal da nova xeración de artistas gráficos galegos. 

María Villamarín

María Villamarín

María Villamarín é xornalista e traballa na comunicación e na xestión de redes sociais en diferentes proxectos culturais. Toca en Esposa e, ás veces, autoedita os seus fanzines (Madreselva, Florilège). luapiznik.tumblr.com

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.