'Soy una tumba'. Esta curta sobre o contrabando no Morrazo pode gañar un Goya

'Soy una tumba' é a segunda curtametraxe que dirixe o animador autodidacta Khris Cembe. A peza recibiu gabanzas e varios premios en festivais. O vindeiro 2 de febreiro en Sevilla, na cerimonia de entrega dos Goya, pode gañar o premio á mellor curtametraxe de animación. 

© Arquivo Soy Una Tumba

Soy una tumba é unha historia galega na que se unen dous elementos moi presentes na vida do seu autor: o Morrazo como lugar e a infancia como período esencial que marca a vida adulta posterior. E hai un terceiro elemento moi importante que, aínda que non sexa unha experiencia vital de Khris Cembe, si tivo que coñecer inevitablemente ao se criar en Cangas a principios dos 90: o contrabando. 

A curtametraxe está protagonizada por un cativo introvertido que co seu silencio fai cómplice o espectador do seu segredo. O neno presenciou un crime horrible e sabe que nunca poderá falar del. Isto, que parece un feito extraordinario, vén sendo realmente unha das múltiples historias que puideron acontecer arredor do narcotráfico na Galicia dos primeiros anos 90, e especialmente nas Rías Baixas. Ese mundo que rodea o contrabando e o narcotráfico aparece no filme, marcado polo silencio como un dos protagonistas principais.

Caderno de Khris Cembe cos primeiros bosquexos de 'Soy una tumba'. © Arquivo Soy Una Tumba

A nivel estético o traballo de Khris Cembe recolle todo ese universo de introspección dun xeito moi orixinal. A ambientación en Cangas está moi ben conseguida. Ademais de ser o lugar do autor, o feito de que inicialmente o proxecto estivese pensado para incluír tamén imaxe real fixo que o traballo previo fose moi minucioso. Todo isto tradúcese nunha peza que visualmente é moi auténtica por todo o que transmite: austeridade, silencio, dor, e introspección. No Facebook oficial da curta temos un vídeo no que se pode ver como é o proceso creativo.

Para Soy una tumba Khris Cembe contou cun gran equipo de traballo. Ademais dos seus colaboradores habituais puido contar nas voces de personaxes con Miguel de Lira e Federico Pérez. No apartado visual tivo a Cesar Linga, un dos maiores expertos do cine español en facer animación usando area. Para o director cangués esta foi unha das mellores maneiras de transmitir a psicoloxía do protagonista, especialmente nas escenas oníricas que hai na curtametraxe.

Cesar Linga animando con area o personaxe principal de 'Soy una tumba'. © Arquivo Soy Una tumba

A hisotria de Khris Cembe é como a de moitos mozos do país. Khris naceu en Madrid pero toda a súa familia materna é de Cangas. Dende pequeno pasou todos os veráns no Morrazo, ata que, con 11 anos, a súa familia e el foron para alí definitivamente. Aos 22 anos marchou traballar a Barcelona, onde vive agora. Con 36 anos que ten actualmente, Khris só viviu 11 en Galicia, pero a súa identificación coa nosa terra e a nosa cultura é total. A pesar de vivir en Cataluña está moito por aquí para visitar a familia e, agora, tamén por traballo. De feito, é posible que sexa un deses moitos galegos que marcharon e que agora pode ser que regresen para traballar aquí. Neste caso todo se debe aos proxectos do artista galego Alberto Vázquez, aos que Khris Cembe está ligado desde hai tempo. Primeiro foi en Birdboy, a premiada curtametraxe na que Cembe levou o desenvolvemento visual, e despois viñeron Psiconautas e Decorado, longa e curta, respectivamente, nas que desenvolveu a tarefa de director de animación. As dúas obras recibiron o premio Goya na súa categoría. O debut de Khris Cembe como director e guionista foi no 2016 coa curtametraxe Viaje a pies. E agora chega a segunda, Soy una tumba.

Polo de agora Soy una tumba gañou o Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe Nacional e mais o Premio do Público no Festival 3D Wire. Ademais estrearase internacionalmente no prestixioso Festival de Clermont-Ferrand, sendo a segunda vez que unha curtametraxe española de animación consegue chegar aí, e estará na sección oficial do Festival Internacional de Cine de Guadalajara. A curta pódese ver en Movistar Plus, dispoñible para os aboados a esta plataforma. 

O vindeiro día 2 en Sevilla Soy una tumba competirá polo Goya á mellor curtametraxe de animación con Cazatalentos de José Herrera, El Olvido de Cristina Vaello e Xenia Grey, e I Wish de Victor L. Pinel. Se acontece o mesmo que no resto dos traballos nos que participou, Khris Cembe poderá traer para Cangas un premio máis para animación galega.

Matías Tarrío

Matías Tarrío

Redactor de VINTE. Gústanme os discos e as filloas con rixóns.

Máis talento audiovisual en VINTE

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.