Carta da redacción Cara á Galicia dos anos 20

Dominio Público vinte

A comezos desta década o grupo Ataque Escampe falaba dos “Violentos anos dez”. Estamos perto dos anos vinte e, vendo os telexornais, a década que vén non ten moita mellor traza. Mais, como cantaba a Matraca Perversa, a nosa historia facémola nós e os próximos anos vinte serán como nós queiramos. Por iso temos que ilos pensando, proxectando, visualizando. Celebrando que, se nada se torce, habemos chegar aló e que a Galicia dos anos 20 terá pouco que ver coa que deixamos atrás.  

Para empezar, imos ter por primeira vez persoas adultas nacidas neste milenio. Co que iso implica no ámbito da comunicación: se algunha revolución real houbo nestes tempos foi a que trouxeron internet e os móbiles, para ben e tamén para regular. As persoas que se fagan adultas nos anos vinte xa a penas len xornais en papel. Consumen as historias que comparten os seus pares nas redes sociais. Mellor se son en formato visual: quen reina na rede son as imaxes. Mais se algo lles interesa tamén lles presta ler, e non só pezas curtas. E, sobre todo, usan internet como suxeitos creadores, como participantes da conversa e non só consumidores pasivos. Eles e elas son as protagonistas das súas propias canles de comunicación. 

Isto non é unha predición de futuro, é algo que xa sucede, e que nos sucede tamén a quen temos ben máis de vinte. Seguramente che suceda a ti se estás a ler isto no teu móbil. Somos unha audiencia ampla, con fame de información e de contidos novos todo o tempo, da actualidade global pero tamén do que temos máis perto. No panorama internacional hai moitísimos medios grandes e pequenos pelexando pola audiencia que acabo de describir. No ámbito galego esa pelexa está bastante deserta, quitado algunhas afoutas iniciativas pequenas. Aos grandes medios, incluíndo os públicos, cústalles moito adaptar a súa estrutura ás novas maneiras de consumir contidos. Os grandes medios, e sobre todo os públicos, ás veces dan por perdida a batalla da relevancia do galego entre a xente nova. Porque para dala hai que dar outra batalla, a da relevancia a secas dos medios en galego. A de apostar pola nosa lingua como unha canle non só válida para comunicar neste novo escenario, senón estratexicamente moi valiosa na economía da atención. Na que ser diferentes non penaliza, senón todo o contrario.

Unha revista ou plataforma dixital de contidos multimedia, con temática ampla arredor da sociedade actual, da cultura popular, das tendencias globais e locais

Para persoas que buscan novos estímulos comunicativos, que ven no galego unha diferencia que lles é propia (falen galego ou non) e que o reciben como algo refrescante cando se usa para falar das cousas que lles gustan (ou, mellor aínda, das cousas que lles poidan sorprender), chega VINTE. Unha revista ou plataforma dixital de contidos multimedia, con temática ampla arredor da sociedade actual, da cultura popular, das tendencias globais e locais. Na que os protagonistas serán as persoas e os lugares, pois somos xente e somos territorio: vilas, aldeas, barrios e tamén o planeta enteiro, alá onde os millennials seguen a emigrar. E na que os contidos van nacer e distribuirse nas redes adaptándose ás novas formas de consumo. 

VINTE nace un chisco antes dos anos vinte porque quere darlles de lonxe e tamén superar axiña os anos dez, que non nos gustaron demasiado no político e menos no económico. Faino da man do xornal Praza.gal, que tras case 7 anos de valente travesía medra renovando a súa web e acollendo novos proxectos coma este. Faino cun equipo moi pequeno, cunha aposta polo xornalismo, a creación visual e fotográfica a través dunha rede de colaboradores que irá crecendo, e coa valiosa achega da produtora Miramemira na parte audiovisual e do Laboratorio NUMAX na parte gráfica e técnica da web. 

A nosa proposta é ambiciosa e profesional, busca facer as cousas ben e ser sustentable. Non teremos un gran volume de contidos: a xente tampouco ten tanto tempo para consumilos. Aspiramos a publicar unha peza nova case a diario, centrándonos na calidade e traballando moito na súa difusión. Queremos desenvolver un modelo freemium, que é o que irán asumindo os medios dixitais na nova década, no que unha boa parte dos contidos serán abertos, buscando alcance e viralidade nas redes sociais, e outra estará reservada ás persoas que se subscriban. Empezaremos con pequenos detalles para subscritores, como a nosa newsletter mensual exclusiva, e iremos incrementando a oferta con contidos especiais, non necesariamente xornalísticos, polos que sabemos que hai xente disposta a pagar. 

VINTE, como o novo Praza.gal, non quere apelar (só) á (bendita) militancia, senón ser un produto atractivo polo que a xente que xa merca por internet, que se subscribe a Netflix ou a Spotify e que quere consumir contidos diferentes na súa lingua pague unha pequena cota mensual que garanta a súa independencia. Queremos achegar valor e irémolo facendo cada vez mellor, na medida en a base de suscritores se amplíe e vaiamos tendo máis recursos cos que producir contido relevante que chegue a unha audiencia ampla. Tamén lle queremos ofrecer esta audiencia a marcas, empresas, institucións que busquen un lugar onde anunciarse para chegar a un público novo, sexa a través de publicidade convencional ou de contidos patrocinados que transmitan os valores da marca dun xeito que lle interese a este público.   

Para un proxecto xornalístico que está en galego na rede é moi difícil acceder a axudas públicas, mais nós tivemos a sorte de contar, para o paquete de contidos iniciais, cunha subvención da Deputación da Coruña na nova liña de axudas a proxectos singulares de especial interese cultural, que se convocou este ano por primeira vez. Grazas a este e a outros pequenos empurróns de institucións que apostan por apoiar iniciativas innovadoras, VINTE pode saír hoxe coa ambición de contidos e a profesionalización que precisa un proxecto de partida arriscado coma este. 

Sabemos que non é doado. Pero o público está potencialmente aí, as canles e o modelo económico tamén, as ganas non nos faltan e sobre todo confiamos no talento do que nos estamos a rodear. Tamén no éxito de experiencias previas, na capacidade de chegar a moita xente que nos ofrece internet, das posibilidades creativas das redes. Confiamos nas novas xeracións e confiamos, malia todo, nuns anos vinte que queremos que sexan polo menos tan estimulantes como os do século anterior

Con todo isto queremos gañar a túa confianza. Dámosche a benvida e as grazas por nos acompañares nesta estrea. <3

#FaiteDeVinte

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.