Mapa de Spotify. Que se escoita nas cidades galegas?

Hai tempo que Spotify, a través do seu Musical Map Of The World, permite coñecer cales son as cancións distintivas máis escoitadas segundo as cidades de cada país (*). Unhas listas que se actualizan cada semana e coas que quixemos comprobar que foi o que se escoitou nas cidades galegas nos últimos días do 2018. Os resultados foron sorprendentes.

Vivimos nun país cunha gran cultura musical.  Aquí sempre tivemos unha relación moi intensa coa música. Moitas veces case emocional. Este mapa sonoro de Spotify ofrécenos a posibilidade de ver como esa relación repercute na selección de temas que escoitamos nesta plataforma. Os resultados fan que apareza unha pregunta: por que escoitamos o que escoitamos? Quen o sabe. A continuación unha viaxe polas cancións máis escoitadas noa última semana de 2018 nas 7 grandes cidades galegas. Perdón, por 6 das 7, porque para Spotify Ferrol non é unha cidade, ou non é suficientemente grande.

 

 

Santiaguiño Mariñeiro

Empezamos por Santiago de Compostela. Aquí a canción máis escoitada á hora de escribir este texto é Coquito la pieza de Cruz Cafuné.  

© Captura Spotify

Cruz Cafuné é o proxecto en solitario de Carlos Bruña, un canario de orixe venezolana que anteriormente formaba parte do colectivo BNMP (Broke Niños Make Presos), e que agora acaba de sacar o seu disco en solitario titulado Maracucho Bueno Muere Chiquito. Tal e como conta nunha entrevista, púxose de nome artístico Cruz Cafuné “porque estaba buscando un nombre compuesto donde las dos palabras empezaran por la misma letra como Peter Parker, o Bruce Banner, ya que casi todos los de Marvel empiezan por la misma letra”. Todo isto non o estamos inventando, hai un tipo así, e arrasa no Spotify en Santiago. Por que? Non temos explicación.

No resto da lista hai un pouco o que se espera da música comercial actual: Ivan Ferreiro, Ana Guerra, Miriam Rodríguez, Taburete, Vetusta Morla, C. Tangana, Bad Gyal, Rozalén…Chama a atención o número 5 de Lori Meyers ou o 36 de La Casa Azul con La revolución sexual (todo isto xa foi, non?). O que si non ten sentido é que no número 30 estea Soldadito Marinero de Fito & Fitipaldis. Imos ver, estamos no ano 2018, Soldadito marinero é do 2003, e aquí non hai a coartada de “clásico”, como fai xente moi nova agora que escoita como tal a Nirvana ou Oasis. Quen en Santiago de Compostela está escoitando a Fito sen parar? Quen? Podemos imaxinar a un funcionario da Xunta gris que vive no barrio de Fontiñas, e que o seu traballo rutineiro de 8 a 15h o leva a ter unha vida triste que fai que vaia camiñando todos os días a San Caetano escoitando Soldadito marinero en bucle. É unha opción. Aínda que se cadra é máis simple a cousa, e Fito é alguén moito máis respectado e escoitado do que pensamos en VINTE. Por certo, non hai ningunha canción en galego entre as 40 primeiras.

 

Á Coruña vou

Vaiamos á Coruña. Quen triunfa na cidade do Deportivo, das Brigantias e do Liceo? Pois por incrible que pareza a canción máis escoitada é en galego: Tris tras de Marful

© Captura Spotify

O efecto de Sabela Ramil versionando este tema en Operación Triunfo faise notar, e catapulta a Marful directamente ao número 1, nunha subida tan inesperada como marabillosa (quen llo ía dicir a Marful). E a propia Sabela tamén está, concretamente no número 4 con Benditas feridas de Rosa Cedrón, tamén en galego. Sen desmerecer a Sabela Ramil, en VINTE xa reivindicamos a primeira Sabela, a auténtica. 

Na Coruña destaca tamén Novedades Carminha, que coloca dous temas entre os vinte primeiros. Un que é versión de Los Tamara, A Santiago voy (con partes en galego) e a outra Ya no te veo. Dous temas que son colaboracións con Esteban y Manuel e Dellafuente, respectivamente, e que meten aos Carminha directamente nas músicas máis urbanas e máis contemporáneas (se non o estaban xa). Como se nota o efecto Inditex nas escoitas, eh!

En xeral, a lista das vinte primeiras da Coruña non é excesivamente comercial, triunfa o pop, e o regueaton e os ritmos latinos quedan en minoría. Así pois, temos a Izal, Morgan, La M.O.D.A., Sidonie, Xoel López, Dorian, Depedro e ata Rosendo, que rendabiliza a súa recente actuación na cidade despedíndose dos escenarios. Resumindo, nos catro primeiros postos tres cancións en galego (ou case en galego) e tres intérpretes do país. 

 

Hay algo en Ourense

A verdade é que a lista de Ourense é a que menos xogo dá. Todo bastante esperable. Na cima temos a galega Miriam Rodríguez. A de Pontedeume segue tendo moitísimo tirón, e o seu single Hay algo en mi continúa a ser o máis popular para os ourensáns. 

© Captura Spotify

Despois Ana Guerra, C. Tangana, e en cuarto posto a colaboración entre Aitana e Ana Guerra. O seu superhit Lo malo, composto por Brisa Fenoy, parecía que ía quedar reseso moi pronto, pero non, segue aí, segue funcionando e séguese oíndo en todos os garitos de pachanga que se precien. Por que? Por que é un temazo, e probablemente lle axudou o feito de que non fora a Eurovisión. Toda a poboación española indignada porque levaran esa trapallada de canción que era Tu canción de Amaia e Alfred, parece que se está vingando agora elevando a Lo malo aos altares dos hits. E en Ourense tamén. Ben por Ourense!

 

Lugo Caravel

A poboación luguesa claramente deixouse levar pola emoción. No número 1 destaca Sabela Ramil coa súa interpretación de Negro caravel en Operación Triunfo, o tema de Cristina Pato e Rosa Cedrón con letra de Rosalía de Castro. Sabela é unha veciña, naceu en Bravos, en Ourol, e as veciñas apóianse sempre. Cando saque disco adiviñade a cidade galega en que máis unidades vai vender.

© Captura Spotify

No número 2 temos a Dani Fernández, que a pesar de ter nome de futbolista, é un cantante que ven demostrar que o peor de Auryn estaba por vir: ao separarse agora van en solitario! (Blas Cantó tamén está no 11). Recomendamos non ver o videoclip de Dani Fernández a non ser que se teñan 15 anos ou nunca se fora a Asturias. 

E no número 3 Cepeda, outro galego, neste caso de Ourense. Vese que en Lugo gustan dos talent shows, xa que dos sete primeiros, cinco son saídos de Operación Triunfo e unha de La Voz Kids. Polo resto sen moita novidade na cidade das murallas.

 

OT Pontevedra

En Pontevedra volve gañar Sabela Ramil. E volve gañar Operación Triunfo. Pero é que aquí hai andazo, están todos. Se o de Lugo era gusto por algo, en Pontevedra é devoción. E xa dá igual que sexan dos famosos ou dos que só coñecen os seguidores do programa. Entre os vinte primeiros están todos: Amaia, Alfred, Sabela, Famous, Miriam, Alba Reche, Ana Guerra, Aitana

© Captura Spotify

No 14 está Carolina Durante con Amaia, algo que non está ben. Carolina Durante primeiro saen co de Cayetano (segunda canción máis escoitada en Madrid) e agora resulta que eles son tamén “pijos”. E aínda por riba agora o seu vocalista está saíndo con Amaia, e todos e todas podemos recordar claramente ese arrepiante vídeo da ruptura pública de Amaia e Alfred (“no voy a dejar de quererte…”). Moita xente aínda non pode velo enteiro. Carolina Durante nunca! 

E polo resto en Pontevedra destaca a entrada en lista de HardGz e Arce. Os dous rapeiros galegos arrasan no Youtube con visionados que se contan por millóns, pero cústalles un pouco máis entrar no Spotify. Será cousa da plataforma. A xente nova non usa Facebook, non usa Twitter, non usa Spotify… dentro de pouco non van nin usar wifi.

 

Vigo Capital

E por último chegamos a Vigo. A cidade da movida nos 80. A cidade, disque, pola que entra toda a modernidade en Galicia. A cidade onde hai máis tipos con bigote e cos nocellos ao aire. A cidade da vangarda. E que arrasa no Spotify en Vigo? Heredeiros da Crus. O que ledes. Non quero nada de ti é un absoluto temazo e alcanza o número 1, pero é do ano 97!! 

© Captura Spotify

Que pasa en Vigo? Non o entendemos. Ou un hacker militante da FPG roubou o algoritmo do Spotify ou non sabemos que pasa. Se no número 1 está Heredeiros da Crus, no número 2 temos a  Dakidarría, o 3 é para Sés, o 4 para Ezetaerre, e o 5 Marful (que isto aínda cadra un pouco). Pero é que no 6 está El Combo Dominicano! E despois volvemos ao galego: Os Resentidos, Siniestro Total, Xoel, Rosa Cedrón …etc. ”Normalízase” a cousa a partir do posto 15, pero é todo ben raro. Quen está en Vigo escoitando unha playlist de grupos en galego sen parar? Cantos son? Nunca o saberemos.

 

Resumindo

O Spotify é unha aplicación para escoitar música que se converteu en masiva en todo o mundo, pero habería que ver ata que punto é así en Galicia. Algúns aínda escoitamos discos de vinilo, outros non saíron do CD, e aínda hai quen anda coas cintas no coche. Con todo, é unha mostra moi importante do que se escoita na rede, e en Galicia, na rede, escóitase sobre todo Operación Triunfo, pop comercial español, e grupos galegos. Isto é así. Desde VINTE queremos elevar unha petición pública a Spotify para que na próxima versión do mapa inclúa os concellos. Iso si que podería dar resultados absolutamente sorprendentes: habíamos ver máis escoitas ocultas que nunhas eleccións municipais.

 

 

*Aclaración: As listas recollen as cancións que se diferencian das escoitas populares en cada cidade. Non son as máis escoitadas en termos absolutos. Nesta entrada do blog dos desenvolvedores de Spotify explican o funcionamento do mapa, publicado hai xa dous anos. 

Matías Tarrío

Matías Tarrío

Redactor de VINTE. Gústanme os discos e as filloas con rixóns.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.