Muiñeira da Maruxaina, o novo videoclip de Moura

O selo andaluz Spinda Records está a piques de lanzar unha caixa recompilatoria titulada 'Grados. Minutos. Segundos.' que durante o vindeiro ano publicará 12 vinilos de 7' con temas inéditos de 24 bandas que representan o underground das micro-escenas que máis ferven en distintos territorios do Estado. Teñen en común seren bandas «que rachan co establecido e/ou van contra as modas e tendencias do mercado» e unha das participacións galegas é a de Moura, a banda que sorprendeu o ano pasado co seu primeiro álbum que mesturando psicodelia e rock progresivo co folk tradicional galego. O primeiro deste recompilatorio lanzouse esta semana con este videoclip da "Muiñeira da Maruxaina" gravado nos estudios Mans da Coruña. 

Créditos

Moura son Diego Veiga (guitarra eléctrica e voz), Hugo Santeiro (guitarra eléctrica), Fernando Vilaboy (hammond, sintetizadores e mellotron), Pedro Alberte (baixo) e Luis Casanova (batería e cunchas), acompañados nesta ocasión da Irmandade Ártabra: Belém Tajes (voces e aturuxos) e Antonio Prado (bombo, lata, pandeireta, tamboril e cunchas).

 

Producido por MOURA e José Gutiérrez Costas (Jota). Gravado por Jorge Criado nos Estudios Mans da Coruña en agosto de 2020, misturado por José Gutiérrez Costas en Cangas do Morrazo no mes de xaneiro do ano 2021 e masterizado por Álvaro Gallego en AGmastering, Vigo.

 

 Vídeo gravado e realizado por Quique Blanco nos Estudios Mans.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.