Os fogares galegos con problemas para chegar a fin de mes rexistran o maior incremento en oito anos

Clientela dun supermercado facendo a compra © Gadisa

A economía global da síntomas de "arrefriamento", segundo advirten diversas autoridades políticas e financeiras nos últimos meses. As guerras comerciais emprendidas polo goberno dos Estados Unidos, a incerteza provocada polo caótico Brexit ou as tensións xeopolíticas en torno a países produtores de petróleo son as luces vermellas nun panorama que, por veces, evoca o de hai unha década. Mesmo con algún xigante empresarial a caer na quebra -aparentemente- de xeito repentino. Será Thomas Cook á década dos 20 o que simbolicamente foi Lehman Brothers á dos 10?

Os datos da economía dos fogares chegan nun contexto de incertezas económicas no ámbito internacional acompañadas, no caso galego, por varias e preocupantes frontes abertas na industria

As inquietudes económicas, que no caso galego veñen acompañadas por varias e preocupantes frontes abertas en varias industrias, teñen como pano de fondo o bloqueo político estatal. Todos estes factores semellan impactar xa na economía cotiá, nos medos a unha nova crise que, como veñen de alertar a Fundación FOESSA e Cáritas, collerían a gran parte da poboación galega moito máis desprotexida que hai dez anos. Este é o contexto no que chegan os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística (IGE) a respecto da economía dos fogares galegos, segundo os cales os fogares galegos con problemas para chegar a fin de mes veñen de rexistrar o seu maior incremento en oito anos.

Os fogares con "moitas" dificultades para chegar a fin de mes baixaron ao seu mínimo histórico, pero os que admiten ter dificultades aumentan case dez puntos en tres meses

A enquisa divulgada polo IGE apunta un descenso dos fogares que din chegar con "moita" dificultade a fin de mes, ata apenas o 5,22% -o mínimo da serie histórica- no terceiro trimestre de 2019. Pero tamén detecta un incremento de case dez puntos con respecto ao trimestre anterior daqueles que admiten teren dificultades para chegar con recursos dabondo ao remate do mes. 

O resultado de agregar os fogares que chegan con dificultades e con moitas dificultades a fin de mes dispara o resultado ata o 42,37% do total. Ou, o que é o mesmo, 7,86 puntos máis que tres meses antes. Non se producía un incremento intertrimestral superior aos 7 puntos dende o ano 2011, en plena recesión económica.

O crecemento interanual dos fogares con problemas económicos é o maior dende 2014, ano no que o paro tocou teito en Galicia

En termos interanuais o incremento non é tan pronunciado, pero tamén é rechamante. Os fogares con dificultades ou con moitas dificultades para chegar a fin de mes en Galicia aumentan 2,5 puntos con relación ao mesmo trimestre do ano anterior. É un valor semellante ao de mediados do ano 2014, cando o desemprego viña de tocar teito en Galicia, tamén en plena crise.

Estes síntomas de pesimismo económico a nivel de rúa prodúcense nun contexto no que, así e todo, os fogares nos que se chega "con facilidade ou moita facilidade" a final de mes son, cando menos polo momento, máis da metade do total. Sitúanse, segundo o IGE, na contorna do 58%. Experimentan, non obstante, un descenso de case oito puntos con relación ao trimestre anterior. 

Con estes datos sobre a mesa, coñecidos no mesmo día en que os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social apuntaban á destrución duns 7.000 empregos nun mes, a Xunta pon o foco na lectura máis optimista das posibles. "O número de fogares galegos que chegan con moita dificultade a fin de mes baixou" ata a "menor cifra de toda a serie histórica", subliñou nun comunicado a Consellería de Economía. Ademais, o Goberno galego apunta tamén a outros indicadores como "un aumento do indicador da capacidade futura de aforro".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.