Proxecto Pesquedellas. Uns novos Xogos Florais revisitan a tradición en Betanzos

© Pesquedellas

Teñen menos de 25 anos de idade media e organizan, no 2021, uns Xogos Florais en Betanzos. Os xogos florais son unha celebración poética que no século XIX marcou os inicios do Rexurdimento, pero isto parécese pouco ás festas de época que se puxeron de moda nas vilas: é unha reivindicación da tradición como algo vivo a día de hoxe. Os actos de "Unha fala, un cantar: xogos florais 0” comezaron a pasada fin de semana e continúan o 25 e 26 de setembro. Pero imos deixar que sexa a propia xente de Pesquedellas a que nolo conte en primeira persoa. 

Cartel dos Xogos Florais, deseñado por @nebedaontherocks. © Pesquedellas

A nosa intención con esta celebración é, en primeiro lugar, crear un evento no que as asistentes gocen co folclore galego, pero tamén un espazo de diálogo no que se propoñan novos xeitos de entender as nosas tradicións: actualizar as coplas para que se adecúen á nosa realidade de hoxe, reformular os usos do traxe tradicional e propoñer usalo porque si, porque nos gusta, ou mesmo reivindicar que co baile solto se liga o mesmo que cun agarrado. 

Para conseguir transmitir estos valores escollemos un programa moi coidado no que hai eventos con participación totalmente aberta ao público, coma o Slam de poesía, pero tamén outros máis didácticos, como "Cóntoche un traxe". A música tampouco podía faltar, con dous concertos que revisan creacións tradicionais e as traen aos tempos de hoxe en día.

Propoñemos novos xeitos de entender as nosas tradicións: actualizar as coplas para que se adecúen á nosa realidade de hoxe, reformular os usos do traxe tradicional e propoñer usalo porque si, porque nos gusta, ou mesmo reivindicar que co baile solto se liga o mesmo que cun agarrado. 

Levamos a cabo esta celebración a equipa da nosa Asociación, un grupo de rapazas con idade media inferior a 25 anos, no marco da subvención "Iniciativa Xove", coa que xa comezamos 2019 a nosa andaina realizando o documental "Escoitar, aprender e compartir". Dende entón, o noso traballo está vencellado á investigación e difusión do folclore galego entre a xuventude. É precisamente para este público para o que están orientados os Xogos Florais, tendo como acto central un Slam de Poesía que terá como participantes exclusivas a mozas e mozos de menos de 30 anos.

Quixemos comezar amodiño e con boa letra, por iso esta é unha edición preparatoria, son os Xogos Florais 0, e a temática central é a poesía de transmisión oral. Esta poesía foina creando o pobo galego, pero sobre todo as mulleres que nas foliadas e seráns cantaban e tocaban para que as asistentes puidesen bailar. Se hai un libro clave desta poesía é o Cancioneiro Popular Galego, de Dorothé Schubarth, e por iso quixemos adicarlle a primeira xornada dos xogos a creacións artísticas que naceron desta biblia da literatura galega.

O sábado 18 de setembro realizouse un dobre evento no claustro do Museo das Mariñas e no Cine Alfonsetti. En primeiro lugar proxectouse o filme Dorothé na Vila, dirixido por Olaia Tubío e Alejandro Gándara. Esta longametraxe documental narra as historias detrás do Cancioneiro Popular Galego elaborado pola etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth, que recorreu o rural galego desde finais dos 70 ata mediados dos 80 para recoller a música tradicional, compilando así unha obra fundamental da nosa tradición oral. Grazas á presenza das directoras, despois da proxección do filme as asistentes puideron preguntarlles as dúbidas que xurdiron despois do visionado. Entre eslas repetiuse unha pregunta que nos facemos a miúdo a xente vencellada ó folclore: “Aínda se pode salvar a música de tradición oral?”. Olaia e Alejandro recalcaron que os tempos e as vidas mudaron, polo que non podemos esperar traer ao presente as tradicións tal e como existían no pasado, senón que temos que buscar a maneira de adaptalas á nosa forma de vida actual. 

A actuación de Richi Casás no claustro do Museo das Mariñas veu a demostrar que é posible mesturar a música tradicional con sonoridades actuais, coma a do jazz neste caso. Richi medrou escoitando a súa avoa Rosa e á súa tía avoa Adolfina cantar e tocar nas foliadas, e despois do seu pasamento puido seguir escoitándoas cantar nas gravacións de Dorothé Schubarth. Xunto con Fran Barcia reinterpretaron o repertorio unha vez tocado na Vila da Igrexa, Cerceda, mais na súa actuación puidemos ver o pouso das aprendizaxes de Richi nas foliadas. Na súa entrevista coas Pesquedellas, Richi comentou que as mulleres na tradición, ademais de saber innumerables coplas, tamén as improvisaban en función do que estaba a acontecer nas festas. Pois ben, Richi herdou esta habilidade e sorprendeunos cunha copla adicada ás Pesquedellas durante a súa actuación.

Durante os Xogos Florais de 1918 a raíña das festas de Betanzos e a súa “corte do amor” vestiuse co traxe tradicional galego, algo que estaba de moda naqueles tempos como símbolo de patriotismo. Hoxe en día o traxe tradicional ten novos significados, que quixemos descubrir co concerto didáctico “Cóntoche un traxe” de Montse Rivera. Este espectáculo busca botar a vista atrás de maneira amena para amosar a riqueza da indumentaria galega e recuperar un acervo léxico da vida cotiá que se foi perdendo. 

Montse vestiu a 4 voluntarias do público, propoñendo diferentes traxes da xeografía galega mentres lles cantaba coplas que nos falaban da vida cotiá da Galicia tradicional, e, igual que na xornada anterior, todos os participantes tiveron oportunidade de preguntar aquelas dúbidas que lles xurdisen sobre o traxe durante o concerto didáctico. 

 

Ollamos cara á fin de semana seguinte con moito entusiasmo, pois as dúas xornadas seguintes serán as que pechen estes xogos florais 0. O sábado será cando celebremos o I Slam Poetry enmarcado dentro desta festividade, nun emprazamento moi emblemático tanto para nós por ser onde puidemos celebrar a nosa primeira foliada, como para o casco vello de Betanzos, pois é este lugar, o café bar Lanzós, onde se celebraron durante moito tempo os concertos que lle puñan música á parte máis historica da vila. 

Por último, finalizaremos dunha forma moi especial. Nesta última xornada repartiremos os premios aos gañadores do Slam do día anterior, e a esta entrega poñerémoslle a música do dúo Caamaño e Ameixeiras. A característica que fai desta xornada importante é que este día todo o público estará invitado a vestirse co traxe tradicional galego, facendo honra ao famoso “Domingo das mozas” das festas do San Froilán de Lugo, para o que só quedan dúas semanas, e poñéndolle un punto final moi festivo para nós e para a vila de Betanzos.

 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.