Galegote Rock. Pontevedra volve ser a gran festa da música en galego

© Galegote Rock

25, 26 e 27 de abril, esas son as datas. Como cada ano chega un dos festivais de referencia no país. Terbutalina, Malandrómeda e Chicharrón son algunhas das propostas do Galegote Rock, pero hai moitas máis e para todos os gustos.

Xa é un clásico. O Galegote Rock de Pontevedra volve na última fin de semana de abril cos seus sinais de identidade intactos e cunha reputación consolidada de festival altamente disfrutable. Aquí non hai aglomeracións, non hai colas e, á súa vez, preséntanse propostas moi interesantes. O Galegote Rock: un festival de día para público de todas as idades, con grupos que cantan en galego e con directos en múltiples escenarios da cidade de Pontevedra.

A presentación foi hoxe cun concerto matinal de Querido Extraño en El Pequeño. Desde as 12 o proxecto de Arturo Delgado, que fusiona rock, blues e folk, serviu para dar a coñecer o cartel deste ano. Como sempre hai moitas cousas e moi boas. Na súa páxina de Facebook podedes consultar os horarios e os lugares das actuacións. E no programa que aparece a continuación, tamén. E a maiores, en VINTE ofrecémosche unha panorámica por días. Que máis queres?

© Galegote Rock

Xoves 25

Os máis coñecidos deste primeiro día e claramente uns dos cabezas de cartel do Galegote, probablemente sexan Boyanka Kostova. O dúo de trap rural xa ten seguidores fieis nos festivais galegos e os seus vídeos miles de reproducións. Eles tocarán de últimos, pero antes Ela E Dylan: as flores solitarias farán un interesante repaso polas letras de Bob Dylan, prestando especial atención ao papel da muller nelas. O proxecto de Roger de Flor e Helga Méndez está a cabalo entre a música e a poesía. Detrás de High Paw está Paula Herrera, unha viguesa moi nova que fai un reggae con toques soul. A súa magnífica voz e a súa mensaxe comprometida e feminista soarán tamén neste primeiro día.

Venres 26

A xornada comezará con Rafa Anido e o seu proxecto Sr. Anido, a enésima reencarnación dun dos nomes máis importantes, por múltiples motivos, da escena underground galega. En VINTE xa lle fixemos unha entrevista na que o conta case todo. Gancho Sanches pechará a segunda xornada estreando nova formación de a 4. Con membros de Telephones Rougues e Espiño, e cun pé en Barcelona e outro en Galicia, ofrecerán o seu particular pop-folk escuro.

Sábado 27

E o terceiro é o día grande. A cousa empezará xa desde o mediodía con Marcelo Dobode que presentará a súa nova banda Turoqua, con Cibrán Seixo ao violín, Rubén Monteagudo ao acordeón e Alberto García á guitarra. Ao igual que con Primordiais seguro que, coa tradición ben presente, farán bailar a todo o mundo coa súa música festiva. Pantis é Ruben Domínguez, que ademais de Prenom e Chicharrón, ten tempo para este incrible proxecto en solitario no que mestura electrónica, pop e kraut. Xeración Sónica é o proxecto do concello de Pontevedra para a formación musical da rapazada entre 13 e 16 anos, e, no Galegote, é tamén unha oportunidade para que os músicos de pop e rock máis novos da cidade poidan actuar en directo. Manuele Caamagno Dj, poñerá música e como é habitual nel deleitará aos asistentes co mellor garaxe, rocanrol e punk. Grilo é unha banda de rock duro de recente creación de Santiago de Compostela que conta con membros de outros grupos como ¡Que Desilusión! ou Skirl. Acaban de estrear tema novo e videoclip: “Rebelión”.

E xa a partir de media tarde virán os pratos fortes. En primeiro lugar Chicharrón, no que será un concerto especial, como todos os que fagan nesta temporada, xa que non vai haber moitas datas. O Galegote Rock será unha ocasión moi boa para ver aos de Carballo tocando o seu excelente e aclamado Lp “Cancións clínicas”.

Oh! Ayatollah, que acaban de presentar novo tema e videoclip, son unha das bandas máis interesantes do panorama galego. Con Nuno Pico á fronte, que enriba dun escenario por veces é o Morrissey da Mariña, Oh! Ayatollah desenvolverán o seu pop fresco e melódico que tanto gusta á rapazada.

Contra o serán, Malandrómeda. O Hevi fará o show que lle apeteza ese día. Bases con cintas de casete? Performance rapeando entre a xente? Virá con banda enteira como fixo nalgúns shows? Todo á vez? Dá igual, faga o que faga, de seguro ha ser un directo enérxico e atractivo como todo o que toca este home.

E para rematar o festival, Terbutalina. Os de Muros acaban de presentar o seu novo single "Marisco barato" e, claramente, son unha das bandas con máis éxito de público en Galicia. Os seus directos sen deixala botar (cos comentarios gloriosos polo medio de Migui, o seu cantante) e os seus temas, que xa son auténticos himnos galegos de rocanrol e garaxe, farán que o fin de festa sexa perfecto. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.