Videoensaios. Pasa o cinema galego o test de Bechdel?

© Sara Varela

A semana pasada entregáronse en Ourense os III Premios María Luz Morales de ensaio audiovisual, impulsados pola Academia Galega do Audiovisual. Na modalidade de videoensaio o feminismo protagonizou 3 dos catro traballos destacados, todos eles feitos por mulleres nacidas nos 90. Desde o famoso Test de Bechdel ata a cultura da violación na gran pantalla ou a invisibilidade das cineastas galegas, recomendamos ver estas pezas audiovisuais que con gran creatividade convidan á reflexión. 

 

 

‘B Positivos’

Este ensaio de Sara Varela (1994), gañador do premios a Mellor videoensaio sobre audiovisual galego, analiza empregando o Test de Bechdel todas as películas recollidas no catálogo de AGADIC Films from Galicia e tamén as finalistas e gañadoras na historia dos Mestre Mateo. Esta análise inventada pola creadora de cómic Alison Bechdel en 1985, avalía se unha obra cumpre cos estándares mínimos para evitar a fenda de xénero e requírelles algún destes requisitos: 

  1. Na película aparecen polo menos dous personaxes femininos (unha variante esixe que, ademais, as dúas mulleres sexan personaxes con nome). 
  2. Os devanditos personaxes falan unha á outra nalgún momento.
  3. Dita conversación trata de algo distinto a un home (non limitado a relacións románticas, por exemplo dúas irmás falando do seu pai non pasa o test).

Cantos dos filmes galegos recentes pasan ese test?  Dádelle ao play para averigualo. 

 

‘Propaganda de guerra’

Con este traballo Eire García (1991) reflexiona sobre a representación da cultura da violación na historia do cine considerando o seu protagonismo na configuración dos imaxinarios colectivos. De Griffith nos inicios do cinema a Gaspar Noé na última década, o videoensaio non deixa indiferente a quen o ve, nin volveremos ver igual moitas das películas que se consideran obras mestras. O que se cuestiona nesta peza non é se o son ou non, senón o imaxinario que teñen producindo ao longo de todo un século para perpetuar e reforzar a cultura da violación a través de distintos mecanismos estéticos e narrativos. Imprescindible peza porque, como dicía o outro, estamos en guerra e hai que reflexionar. 

 

‘Nós, as desenfocadas’

Este traballo de Irene Basanta (1995) mereceu un accésit ao Mellor videoensaio sobre o audiovisual galego pola necesidade, segundo o xurado,  de seguir debatendo, cos métodos de parte da crítica feminista, sobre o papel da muller no cinema galego. Destaca ademais a recuperación neste videoensaio de filmes esquecidos, algúns máis inxustamente ca outros, dirixidos ou protagonizados por mulleres. 

 

'Series diferentes’

Denisse Lozano (1991) gañadora nas dúas edicións anteriores cos seus traballos de Videoensaio sobre o Audiovisual Internacional, recibiu un accésit nesta mesma categoría por esta peza na que analiza a evolución das series de ficción, dos danos 60 á era das plataformas en internet.  

 

Na modalidade de ensaio escrito os premios María Luz Morales foron para investigadores máis veteranos, como Pepe Coira (1963) con Argumentos de películas, un traballo que parte do libro homónimo editado en Vigo en 1931 e que pasou desapercibido para a historiografía do cine galego e español, ou Xurxo Chirro con O palco dum povo: Oliveira 2.0, que afonda nun proxecto irrealizado do cineasta Manoel de Oliveira. 

Sara Donoso (1989) recibiu un accésit na categoría de Ensaio Escrito sobre o Audiovisual Galego polo seu ensaio Unha aproximación a mimosas (Oliver Laxe) desde a pintura, a paisaxe e a mística, no que investiga a pegada paisaxística e a presenza dunha estética ligada ao pictórico na filmografía de Oliver Laxe. Antón Varela (1992) foi premiado polo seu traballo Dialéctida da suplantación: imaxe, espectador e ultracorpos dentro da categoría de Ensaio Escrito sobre Audiovisual Internacional, no estudia as adaptacións cinematográficas que xurdiron da novela Ladróns de corpos de Jack Finney (1953).

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.