Miracle Tunes. O 'remake' europeo desta serie infantil xaponesa é de produción galega

A empresa coruñesa Portocabo é unha das que coproducen para Europa o remake de Miracle Tunes, unha serie xaponesa dirixida por Takeshi Miike que inventou o que podemos chamar un novo xénero: un tokusaksu ao estilo Power Rangers, pero musical e pensado para nenas pequenas. A primeira temporada rodouse en Valencia, foi todo un éxito en Italia e en España empezouse a emitir en Boing. 

Comecemos pola orixe, Idol x Warrior Miracle Tunes, a serie que se estreou na primavera de 2017 en TV Tokyo. Miracle é un grupo musical de rapazas de colexio que se transforman nas Idol Warriors e combaten o mal cos seus poderes máxicos e, sobre todo, cos seus bailes e cancións. 

Takashi Miike, cineasta coñecido no cinema fantástico e de terror por dirixir moitos clásicos da serie B, como a sanguenta Ichi The Killer, é o director da serie xaponesa. Con ela foi pioneiro en adaptar ao público femenino infantil o tokutatsu, un dos estilos máis populares na televisión xaponesa, consistente en mesturar imaxe real con infinitos efectos especiais, e que nós coñecemos aquí por clásicos como as pelis de Godzilla ou os televisivos Power Rangers.  

Visto o éxito desta serie en Xapón, ao mercado europeo puxéronselle olliños de anime para conseguir adaptala aquí, e o ano pasado arrincou o proxecto coa unión da galega Portocabo con ShowLab (Italia), Blasteem (Italia) Kamca Group (Suíza) para Mediaset Italia, que emite desde o outono pasado naquel país Miracle Tunes, cun enorme éxito de audiencia que tamén se trasladou á venda de música e xoguetes da man de Giochi Preziosi

A serie europea está protagonizada por 5 pequenas actrices italianas e recolle e adapta as historias, espíritu e estética da xaponesa, da que cada vez gusta máis a rapazada occidental: empezando pola música, os bailes e as cores pastel. Mais tamén a estética futurista e o continuo apoderamento das súas protagonistas é o que está a cautivar a unha chea de pequenas espectadoras, que non só seguen Miracle Tunes na tele senón tamén na súa canle de Youtube

A serie rodouse en inglés nuns estudios da Feria de Valencia, e nela traballaron máis de 150 técnicos españois, 30 técnicos italianos, 70 actores e actrices e más de 650 figurantes, nas 17 semanas nas que se rodaron as dúas primeiras temporadas da serie. En total, 51 capítulos. Á fronte deste equipo está, pola parte galega, o produtor Alfonso Blanco e o director Toño López (Mareas vivas, Matalobos, Luci, Galegos no mundo), xunto co guionista José Rubio (Serramoura, Augasquentes, Matalobos). 

En España Boing emite Miracle Tunes desde o outono pasado, e a serie está vendida a varios países e cadeas para a súa próxima emisión, mentres se concreta a posibilidade de rodar novas temporadas a finais deste ano. 

Pola súa parte Portocabo segue o seu percorrido no mercado televisivo internacional coa próxima estrea de Hierro, a serie dirixida por Jorge Coira para Movistar Plus, que vén de ser seleccionada para a competición internacional en Series Mania, o principal festival de series de Europa. E que é a primeira coprodución internacional, con Francia neste caso, feita para o canal de pago. Outra coprodución que próximamente botará a andar é a de Auga Seca, un thriller de 6 capítulos que supón unha nova alianza entre as televisións públicas galega e portuguesa, despois de Vidago Palace, tamén producida pola produtora que dirixe Alfonso Blanco. Toda unha mostra de que o audiovisual se está a internacionalizar cada vez máis e as empresas galegas empezan a ter presenza consolidada e éxitos neste mercado global. 

Outra creadora audiovisual que racha fronteiras

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.