SOMA. Instalación e performance na nova proposta de Javier Martín

O coreógrafo e investigador da Coruña Javier Martin estrea esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago de Compostela SOMA, acción contemporánea feita en colaboración co escultor e performer Joaquín Jara.

`Soma´ significa corpo, en concreto a palabra refírese á estrutura corporal total dos organismos vivos. E diso vai SOMA, a nova proposta do experimentado coreógrafo e investigador coruñés Javier Martín. "SOMA é unha investigación e unha reflexión arredor do corpo. É unha colaboración que xorde do encontro lúcido das miñas investigacións e as de Joaquín Jara", describe o propio Martín.

Joaquín Jara, escultor e performer catalán, creou unha peza que está en escena durante a proposta. "Joaquín construíu con madeira unha escultura antropomórfica coa que se van sucedendo diferentes situacións performativas", relata Javier Martín. E é que en SOMA conviven instalación, danza, escultura e performance; unha experimentación escénica centrada no estudo do corpo e do movemento. 

Unha cuestión moi interesante de SOMA é a utilización da luz e da música. Octavio Mas, é o encargado da iluminación ("levo máis dunha década traballando con el", conta Martín), e Artur M. Puga é o creador do ambiente sonoro. "O son e a iluminación son creados en tempo real, e todo ten, ao igual que o resto de SOMA, unha parte moi grande de improvisación. O movemento tamén. A intención é que cada vez sexa como algo novo", describe Javier Martín.

Non é nin moito menos a primeira vez que a danza de Javier Martín dialoga cou outras disciplinas artísticas. En 2017 colaborou co fotógrafo e cineasta Tono Mejuto para Quiasma, unha película de 12 miuntos filmada en celuloide branco e negro de 16mm, con música de Oleg Karavaychuk, que deslumbron en varios festivais de cinema experimental e documental. 

Javier Martín é un coreógrafo e bailarín da Coruña con moita experiencia e cunha dilatada carreira. Químico de formación (especialista en mecánica cuántica), no principio da súa carreira foi artista residente do Teatro Galán de Santiago. Despois fixo estudos de Belas Artes en Pontevedra, e a partir de aí comezou a súa viaxe no mundo da danza contemporánea. Sempre investigando e evolucionando, na actualidade desenvolve unha carreira moi reputada que o levou a presentar obras e ter residencias en toda España, Francia, Rusia, Portugal, Ucraína, México, Guatemala ou Uruguay, entre outros lugares.

Este proxecto contou coa colaboración do centro creativo L’Animal a L’Esquena de Xirona, onde se desenvolveu unha residencia artística. Tamén houbo achegas do grupo de investigación Corpo en Acto, coordinado polo propio Javier Martín dentro do programa Tribuna Pública da Coruña.

SOMA estréase esta fin de semana en Santiago no Salón Teatro dentro do programa de coproducións do Centro Dramático Galego (CDG). As funcións serán o sábado 25, ás 20,30 h., e o domingo 26, ás 18,00 h. As entradas pódense comprar aquí e teñen prezos moi asequibles para un espectáculo deste nivel.

Cartel de SOMA. © SOMA

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.