Gabi G. Humor afiado 'marca Galicia' no TikTok

Co patrocinio de

É probable que xa viras algún dos vídeos de Gabi G. reaccionando a cousas no TikTok, ou parodiando como facemos as cousas en Galicia (a diferencia do resto de España). Parolamos con el sobre os seus chistes nos que se atreve con todo para sacarnos un sorriso

 

Gabriel García ten 30 anos e é de Rois. Responde cun si a que é moi millennial, porén, está a facerse un oco na rede social da xeración Z por excelencia: o TikTok. «Cando empecei como consumidor desta rede social tiña o estereotipo dos bailes e así, pero unha vez comecei a manexarme vin que hai cabida para todo o mundo. Vin un contido moi variado e diverso», conta Gabi G., como se chama na rede.

«Estabamos en corentena, aí encerradiños. Xa se podía saír un pouco pero estaba aí aburrido na casa cando comecei. Fixen un par de vídeos en galego, facendo o chiste de reaccionar a outros vídeos. Saíume unha reacción un pouco espontánea, así como son eu, e agarrou unha animalada de reaccións. Cando collín o móbil de novo tiña unha animalada de notificacións», lembra. En moi pouco tempo medrou moito o seu número de seguidores, que agora –case dous anos despois– superan os 57.100.

Gabi G. di que non é dos que ensinan toda a súa vida nas redes, prefire que o sigan por como é polo humor dos seus vídeos. «Sempre fun moi pallaso, é verdade que o paso moi ben gravando e facendo os meus chistes con ese toque de humor que é moi noso. A xente empezoulle a gustar cada vez máis e aquí estou»,explica. Con todo, di que é «unha sardiña nun mar de tiburóns» e que non lle limita o feito de acumular tantos seguidores: «Teño unha comunidade que sei cara a onde vai encamiñada. Non penso moito os vídeos que fago, pero pode ser que algunha vez o faga cara a xuventude. Paréceme importante prestar atención a que teño seguidores máis pequenos ca min e sempre tes unha pequena influencia. Penso que temos que ter coidado –todos os que creamos contido nas redes– en como transmitimos as cousas que dicimos porque non sabes como podes influenciar a xente de 13 ou 14 anos que te ve, nesas idades es unha esponxa e estás creando a túa personalidade. Eu lembro que daquela mirabas para aquel actor ou actriz e a camiseta que levaba, ou aquilo que facía... Sempre houbo influencers, as Spice Girls e os Backstreet Boys xa che influían. Ao fin e ao cabo, nós somos un pouco eses influencers agora».

Ten unha serie de vídeos baixo o epígrafe ′Marca Galicia′ nos que parodia con moito tino a nosa maneira de reaccionar ante situacións como ′cando che cerran forte a porta do coche′, ′cando che molestan os veciños′, cando non atopas onde aparcar′ ou ′cando che rompen o corazón′. Hai un pouco para todo o mundo, abofé que as gargalladas están aseguradas. «Teño unha comunidade pequena, pero moi fiel. Á parte, o 90% dos meus seguidores son galegos así que entenden ben o meu humor», di. Gabi G. demostra o san que é rirse dun mesmo, sempre con vídeos nos que non pretende ofender a ninguén. Pero nunca sabe como vai encaixar a xente os seus chistes, por iso tamén hai ocasións nas que aclara que está facendo humor, como nun vídeo no que simula unha consulta de Psicoloxía no Sergas. «Cando fago humor sobre a realidade, que neste caso é sobre a saúde mental, a situación de traballo dos psicólogos na sanidade pública e as grandísimas listas de espera, poño un pouco de sátira aí porque parece que aínda se lle dá pouca importancia a isto e hai que recorrer ao sistema privado. Pero hai que lembrar que hai grandísimos profesionais e que non se pode xeneralizar», apunta.

Bastan uns minutos ao teléfono con Gabi G. para saber que o dos vídeos non é unha pose, por moito chiste que faga, é que ten o humor moi afiado. «Un dos meus mellores amigos dime que o que se ve na pantalla é o que son en persoa. A xente grande sempre di que para triunfar tes que ser ti mesmo, e eu estou convencido de que é así, ao principio de todo fixen uns vídeos en castelán e dixen: é que non son eu, non me sinto cómodo, non quero vivir disto e non o vou facer forzado. O que queira verme, que me vexa e que vexa como son coa miña lingua e coa miña forma de expresarme. E á xente gustoulle, de feito a partir de aí foi cando máis medrei», razoa. Ten as redes como unha afección e non pretende vivir disto, na ′vida real′ é educador infantil e vive na Estrada: «Hai pais e nais que son seguidores, na escola tamén saben dos meus vídeos. Rinse bastante de min –di entre risas–».

Pero el non ten vergoña porque o recoñezan ou o paren pola rúa ou no supermercado. Dálle máis rabia cando lle escriben a posteriori que o viron pero non se atreveron a falarlle. Entre TikTok e Instagram suma máis de 60.000 seguidores e, sendo a maioría galegos, é consciente de que as probabilidades de que o coñezan son altas. O que máis lle preocupa é que a xente do seu arredor non se incomode neses momentos de atención, que aínda non ten demasiado asimilados el tampouco. «Cando sobes algo nunca sabes quen o vai ver ou a onde vai chegar. Son moi cauteloso coa miña vida privada nese sentido, e se subo un vídeo con alguén sempre é co seu consentimento –aclara–. Pero para min é un pracer se me paran, téñenme preguntado: ′ti traballas na ghallegha?′», salienta Gabi G.

Tivo aí atrás unha tempada de moita actividade no Twitch, facendo directos e charlando con diferentes persoas, pero asegura estar «pre xubilado» nesta rede social –polo menos de momento– porque lle consumía moito tempo. Pero vai seguir cos seus vídeos porque o pasa ben e ten un aliciente aínda mellor: facer rir a xente. «Sacarlle un sorriso a alguén é o mellor, cando me chegan mensaxes de xente que di que o está pasando mal e que cos meus vídeos o día lle vai mellor, iso é a mellor recompensa. Tes un contacto moi directo coa xente e a min iso tamén me parece unha pasada», asegura. Polo camiño tamén hai algún comentario en negativo, mensaxes con críticas por empregar a gheada e o seseo ao falar; pero Gabi G. queda coa xente que lle di cousas como: ′non te entendín nada pero fasme gracia′.

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • Sara Seco. A dos 'vlogs' e os consellos para a vida en galego

    Sara Seco é a do vlog. Sube un vídeo resumo do seu día a TikTok desde setembro de 2021, cando quixo demostrar que á xente lle interesan este tipo de contidos en galego. Superados os 7.600 seguidores nesta rede social, segue facendo os vídeos porque lle gusta, pero xa contactaron con ela para algunha colaboración pagada.

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.