Barbeira SeaSon Fest. Como facer baixo a choiva un festival dedicado á praia

A primeira edición deste festival en Baiona foi todo un éxito a pesar das complicacións meteorolóxicas. VINTE colaborou facendo o especial VINTE no Camiño, no que xuntamos a creadoras e creadores da zona que tiñan en común unha cousa: o seu traballo en relación co mar, co territorio e coa paisaxe. Ofrecémosche o audio co podcast e tamén unha completa crónica do que alí pasou. 

A previsión de Meteogalicia levaba uns días avisando: o sábado 21 de setembro ía entrar unha borrasca polo Atlántico que deixaría choiva e vento en Baiona, especialmente pola mañá. A esa hora tiñamos pensado facer o especial ao vivo de VINTE no Camiño, na propia praia de Barbeira. Sería unha sesión matinée-vermú sobre un pequeno escenario montado na praia no que fariamos entrevistas e dariamos paso a distintas actuación musicais gratuítas como complemento á programación de pago no outro escenario do festival o da Horta do Parador de Baiona. 

Mais o tempo obrigou á organización do festival a cancelar toda actividade na praia e mover o noso espazo e mais as actuacións que ían ser alí ao escenario único da Horta do Parador. Isto implicaba concentrar todo nun só lugar, recortar os tempos e compartir palco e equipo de son cos concertos do día. E tamén afectou en parte á calidade do son recollido no podcast, mais para o directo non supuxo problema: adaptáronse os tempos e os medios técnicos, e María Yáñez e Manu Turnes saíron ao escenario a presentar VINTE no Camiño diante de máis dun cento de persoas que gozaban do brunch ofrecido polo Centro Comercial Gran Vía debaixo da carpa do festival. O brunch ía ser nun barco entre Vigo e Baiona, pero non estaba o día para navegar. Así que todos nos xuntamos alí debaixo da carpa. Con moita humidade no ambiente pero contentos, ben alimentados, escoitando boa música. Xa quixeran moitos podcasts ao vivo facerse nesas condicións. 

CC-BY-NC-SA Tamara de la Fuente

De novo, queremos lembrarnos de todo o equipo técnico e de produción do festival, comandado pola xente de Elemental Street, que fixeron o imposible por que a chuvia estragase o mínimo posible o espíritu do festival. Obvio que contar no espazo da praia era un dos principais atractivos, pero eles souberon resolver para que todo o mundo estivese o máis cómodo posible no espazo do festival. E así arrincamos o podcast: cun aplauso para eles. 

O noso primeiro convidado, o novísimo historiador Anxo R. Lemos, falounos da Praia da Barbeira e contounos como noutros tempos era un espazo que estaba vetado, pois ao estar dentro das murallas non se podía acceder, e para os que vivían en Baiona era a praia dos señoritos, aqueles que se podían permitir que alguén os levase en gamela. Tamén nos falou da etapa do Camiño Portugués da Costa que pasa pola zona, salientando algúns lugares de especial interese patrimonial, como a capela de Santa Liberata ou a Colexiata de Baiona, no casco vello da vila. 

Momento da entrevista co historiador de Baiona Anxo R. Lemos. CC-BY-NC-SA Tamara de la Fuente

Seguimos falando do Camiño de Santiago coa fotógrafa Tamara de la Fuente e o escritor Diego Giráldez, os artistas escollidos para a microrresidencia artística que será o embrión dun proxecto máis amplo que lideran a propia De la Fuente canda o fotógrafo Iván Nespereira, e que se desenvolverá no 2020. Nesta pequena residencia de varios días en Baiona, previos ao festival, a fotógrafa percorreu o Camiño Portugués da Costa á inversa, atopando con peregrinos pero fixándose tamén en dous motivos principais que guiarán o seu proxecto fotográfico. Un deles é a presenza das Illas Cíes na paisaxe: “hai algo moi especial nesta zona de Baiona que son as Cíes, unha paisaxe que está sempre presente, literalmente durante toda esta parte do Camiño. Dá igual o punto de vista que teñas, que sempre son diferentes. Non é igual mirar as Cíes desde Baiona que desde Oia e paréceme moi interesante, funciona como un faro que podess seguir sempre”, explicou. 

O outro é a presenza das persoas que non fan o Camiño pero viven nos lugares que o atravesan, forman parte da paisaxe para quen viaxa pero forman ante todo parte da vida que conforma eses lugares. Así o ve tamén Diego Giráldez: “hai algo que me está gustando moito das fotos de Tamara e é que nos afastamos dos lugares comúns do Camiño. Arredor do Camiño hai moita xente: hai bares, hai adolescentes que esperan buses nas marquesinas e miran como pasan os peregrinos. Esta é a xente que realmente nos interesa. E saír un pouco desas imaxes co típico peregrino, da posta de sol, a cuncha e todo isto, e irnos máis ao que pasa no día a día”. Non tardaremos de ver un petisco deste traballo en formato expositivo e tamén como fotoensaio publicado en VINTE, estade atentas. 

Momento da entrevista a Diego Giráldez e Tamara de la Fuente. © Barbeira SeaSon Fest

A continuación acompañounos Jorge Linheira, presidente da Asociación Unha Gran Burla Negra, que se creou hai un par de anos co obxectivo de recuperar e preservar toda a creatividade popular que se xerou a raíz da catástrofe do Prestige e do movemento social Burla Negra, e tamén crear un relato do que aconteceu hai 17 anos: “percatámonos hai uns anos de que si que existía un espíritu Nunca Máis e a Burla Negra, pero que non había un relato analítico creado nin difundido”, explicaba Linheira, que contou as distintas actividades que está a levar a cabo a plataforma. Por un lado a creación dun documental, que xa se exhibiu na súa versión curta, e cuxo equipo responsable está traballando para un formato de longametraxe, e tamén exposicións, charlas, talleres, seminarios e publicacións. O obxectivo final é facer que as novas xeracións coñezan a importancia deste movemento social, o pimeiro gran movemento de protesta que se dá no Estado español neste século, no que a xente da cultura tivo un papel moi relevante ao canalizar a denuncia dun xeito lúdico e participativo.


Rematado o primeiro bloque do podcast, puidemos gozar da actuación de Thomas Dylan & Balea. Thomas Dylan Harris é metade irlandés, metade de Pazos de Borbén, que fai rap en galego e vén de publicar o seu primeiro LP, Retratos

No comezo do segundo bloque entrevistamos o deseñador Alejandro Fábregas, propietario da marca Wakau Atlantic Coast, que crea roupa de surf e de montaña, e que se encargou de deseñar a camiseta oficial do Barbeira SeaSon Fest. Entre o catálogo de camisetas que podemos atopar na súa tenda online, falounos dunha colección na que cada prenda leva o nome dunha praia atlántica ou cantábrica das favoritas dos surfistas, como A Lanzada ou Area Maior (Galicia), Salinas (Asturias), Mundaka (Biscaia) ou Áncora (Portugal). Os tecidos cos que traballa Wakau son de algodón orgánico combinado con poliéster reciclado de botellas de plástico. 

E lembramos que un dos leitmotifs do Festival é precisamente o plástico 0 e a protección do contorno, no Día Mundial da Limpeza nas Praias. Aproveitamos a ocasión par poñer este vídeo que fixemos hai uns meses en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses. 

Sampedro, escultora que traballa con crebas recollidas do mar, e ao seu compañeiro, o realizador Salvador Pardo. Sampedro recordou como empezou a súa paixón por recoller cousas no mar: cando era pequena e visitaba a seu avó que fora fareiro no Cabo Silleiro e lle ensinou as praias desa zona, como a dos cristais, onde atopaba auténticas xoias. Despois estudou Belas Artes e convertiu os materiais que atopaba na praia en material para as súas obras de arte. Algunhas delas espúxoas o pasado mes de agosto en Baiona, na exposición Mar de Crebas e no palco do Barbeira SeaSon Fest tivemos a sorte de que nos ensinase en directo algunha destas pezas, como Donkey Maternity.    

Entrevista con Alejandra Sampedro e Salvador Pardo. CC-BY-SA Tamara de la Fuente

A paixón polo mar e os faros compárte con Salvador Pardo, que fixo unha peza documental sobre o fareiro de Sálvora Julio Vilches titulada Fin do pasado recente, e que prepara na actualidade outra sobre o último fareiro do Cabo Silleiro. “A historia atopeina por casualidade”, conta, “cando paseando por alí con Alejandra demos co fareiro e contounos que lle quedaba só unha semana para retirarse”. E así, coa urxencia de captar eses últimos días do faro como vivenda (funciona agora en automático e no edificio proxéctase facer un hotel), naceu o proxecto desta nova curta documental, aínda en desenvolvemento, e que conta coa colaboración do compositor Juan Eiras para unir no proceso de traballo a búsqueda do retrato dese faro a través da música e da imaxe. 

Momento da entrevista a Xisela Franco, coa súa filla Maia lendo uns versos de Xosé María Álvarez Blázquez. CC-BY-NC-SA Tamara de la Fuente

A última entrevista foi coa cineasta viguesa afincada en Baiona Xisela Franco, que nos contou que elixiu Baiona pola paisaxe e porque consideraba que era un mellor lugar para criar a súa filla Maia, que tamén compareceu no escenario para recitarnos uns versos de Xosé María Álvarez Blázquez, do poemario Crónica rimada de Baiona e do seu mar, que falan da vila como un lugar de inspiración para poetas. Xisela Franco falounos das súas obras que levan a linguaxe do cine máis alá das pantallas convencionais e que se exhiben en espazos museísticos ou eventos de cinema experimental. E tamén nos contou a súa recente viaxe a Toronto acompañando a varios cineastas galegos como Óliver Laxe ou Eloy Enciso, que presentaron as súa películas no festival internacional de cine da cidade canadentese, onde Xisela se formou no cine hai anos. Poderemos ver en breve en VINTE unha crónica desta viaxe a xeito de video-ensaio feita pola propia Franco. 

Actuación de Zeltia Irevire. CC-BY-NC-SA Tamara de la Fuente

Con Maia recitando os versos de Álvarez Blázquez despedimos este último bloque do podcast para darlle paso á actuación de Zeltia Irevire, unha cantautora moi nova que tamén conecta Irlanda e Galicia coas súas composicións de folk e blues e que nos leva de viaxe en defensa dos bosques autóctonos. 

O festival continuou coa actuación de La Bien Querida e La Habitación Roja en formato acústico, e a chuvia empezou a remitir, deixando paso a unha tarde máis agradable na que o público do festival se puido esparcir pola zona e visitar tamén a praia. No escenario, festa in crescendo cos concertos de Cariño, Los Punsetes, Cecilio G., Axolotes Mexicanos, Boyanka Kostova e, como fin de festa, o noso copresentador Manu Turnes como Manu TF DJ, pechando a xornada coa mellor música e baile incluído. 

Malia que o tempo non acompañase xusto na nosa parte do festival, a experiencia foi xenial e estamos moi agradecidos á organización do Barbeira SeaSon Fest por convidarnos a ser parte da primeira edición deste festival, que agardamos teña longa vida. Vémonos o ano que vén, agardemos que desta vez si na praia. E despedímonos con esta galería de fotos que fixo do festival Tamara de la Fuente

Máis festivais

  • Romarías en tempos líquidos: o Agrocuir abre a comunidade

    Venres, 30 de agosto. A estrada de Monterroso mantense queda e impasible. Salvo algúns pequenos carteis pegados nas paredes que custodian a Nacional 640, parece que non houbera nada especial a piques de acontecer. Mais o Agrocuir está a nacer hoxe de novo, aínda que comece paseniño e pequeno coma o primeiro raio da alba. Volve así o festival cultural que reivindica a visibilidade do colectivo LGTBIQA+ no rural galego cunha misión especial para esta VI edición: crear comunidade e chegar non só ao colectivo ‘queer’ senón aos veciños e veciñas da comarca. Crónica de Ana Veiga.

    Crónica
  • Vinte imaxes do Son do Camiño

    Nun festival tan grande e variado como o Son do Camiño xúntase moita xente. Cada unha coa súa historia e coas súas circunstancias, e por suposto, cos seus gustos. Uns ían por David Guetta e outros por Iggy Pop, pero todos tiñan en común algo: as ganas de disfrutar. Fixemos esta galería co público e traballadores do festival. Dalgunha persoa sabemos o nome e as circunstancias. E doutras non, desculpádenos. Con todo aquí vai esta colección de imaxes do festival, 20 de VINTE, feitas por de Tamara de la Fuente.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.