FOTOCOPIA. Ataque frontal

A publicación de ‘Demo’, o EP posterior a ‘Alan Turing’, confirma a FOTOCOPIA como a proposta máis visceral e sustanciosa do post-punk electrónico estatal. A mesma que se suma a un rexurdimento desta rama, con outros grupos como VVV, xusto agora que Fasenuova decidíu rematar o seu camiño.

 

Pero como xorde unha proposta tan extrema como FOTOCOPIA e por que? Tal como explica a persoa detrás deste proxecto: «Empecei hai un par de anos, xusto antes do confinamento gordo de marzo de 2020. Tiña ganas de probar a facer algo só e obrigueime a comezar organizándolle uns bolos por Galicia con Interruptor a Dame Área, coa idea de ter un compromiso, non ter volta atrás e enfrentarme ao tema. Xusto o día do noso primeiro concerto pecharon os bares e ao día seguinte xa pechou todo. Queda pendente a ver se volven por aquí Dame Área e montamos algo xuntas.

Logo aparquei o tema FOTOCOPIA ata este verán pasado, no que me ofreceron tocar no Liceo Mutante e isto, comopasou máis veces e penso que tamén a moita outra xente, deume o empurrón que precisaba para comezar algo. Aproveito para chamar a atención sobre a difícil situación que está a pasar o Liceo neste momento, cunha orde de cesamento de actividade que cheira fatal. Explícano todo neste comunicado

Escoitar cancións coa urxencia de “Disforia” lévanos a lembrar á cédula de activismo punk electrónico Atari Teenage Riot no E.B.M., no post-punk e no tacto frío do son industrial. Máis aló destas referencias e paralelismos, unha fórmula tan directa e agresiva, precisa de modelos de acción que traspasan a vía musical e chegan a «o decálogo de Goebbels, William Burroughs, a cultura hacker, o corpo histérico de John Maus, Titane, Eliphas Levi, o crime de Santoalla, Remedios Zafra, o situacionismo, as imaxes curseadas, o telexornal serán, o Kaliyuga…»

© Cedidia - Fotocopia

Na nota de prensa de "Demo" faise referencia a letras que falan de bloqueadores de anuncios e de casas a medio facer. Punk dixital intentando ser honesto. Absurdo industrial dun polígono rural. En base a isto, canto hai no seu discurso de asumir o ámbito social e cantas críticas contra el? «Son de Ourense, actualmente vivo en Arteixo e paréceme que, simbolicamente, este último representa moi ben (ou fatal) o que é Galicia: rural e modernidade que non chega a ser, cemento, moita fachada temerosa, desconfianza, conformismo, vellos e humidade… Núcleo poblacional de estrada sen máis pero tamén 5 hipermercados, un Domino’s Pizza, un Burger King… Eucaliptos e a hostia de contaminación, familias novas e adolescentes e Marineda como idea de tempo libre. E logo Inditex, aí chantado no medio como de coña. Ganas de pirarte pero non ter a onde pirar porque aquí xa está todo, xa tes de todo aquí, e de que te queixas…

«Son de Ourense, actualmente vivo en Arteixo e paréceme que, simbolicamente, este último representa moi ben (ou fatal) o que é Galicia: rural e modernidade que non chega a ser, cemento, moita fachada temerosa, desconfianza, conformismo, vellos e humidade…»

A idea de “cantarlle á miña contorna” pode resultar reconfortante pero é complexa xa que corre risco de que potencialmente se convirta (te convirta) nun chiste, un estereotipo reformulado. Como un acento, calquera acento. Hoxe o entorno de calquera con conexión a internet está tremendamente ampliado e ás veces dame moito medo que a incerteza e a vertixe dos nosos acentos leven á peña a ideas retraídas, limitantes, asumidas e non singulares nin autónomas. Imos ao fácil e se nos deixamos levar é tremendamente sinxelo acabar asfixiados dentro dun paquete ou un eslogan.»

E engade: «Con FOTOCOPIA non sei se chego sequera aínda a rozar algo disto que estou dicindo ou se todo é unha plasta que lle estou a botar por riba para que faga bonito. Inténtoo coas letras, supoño, pero non sei se o son será moi representativo… Gústanme e inflúenme unha chea de cousas que non teñen nada que ver conmigo a nivel social, xeracional ou xeográfico. Cada vez máis somos sensores de estímulos sen tempo nin espazo. Teño a sensación de chegar tarde, de non entender a broma. E a intuición de que o único xeito de ser honesto e perigoso é sendo incoherente, sendo unha mancha abstracta e mutante, difícil».

© Cedidia - Fotocopia

A súa actuación no último Fanzine Fest foi considerada recentemente a máis impactante de todo o festival. Unha experiencia mínimal, en canto á posta en escena, sobre a que «de primeiras, vindo de tocar en proxectos tipo “banda”,resúltame estraño saír a tocar cun ordenador e pouco máis, con partes gravadas sobre as que somente canto. Debátome entre deixalo todo rollo karaoke ou non, penso moito en como deseñar unha espontaneidade que perde o sentido cando a preparas. Logo doume de conta que tamén está ben sen máis e é liberador, que os karaokes molan; simplifico. É poderoso e tremendamente punk darlle a un botón e que as cousas simplemente soen.

Faiseme raro con FOTOCOPIA estar en ámbitos máis orientados á electrónica pero é algo estimulante e faime ver que todo son nichos e é unha mágoa que non estea todo máis interconectado, que as redes dos diferentes movementos máis ou menos marxinais non se hibriden máis a miúdo e nas raves haxa máis punk e nos concertos máis techno, porque ao final é un mesmo berro diverso.

«A idea de rave, de festa de baile libre horizontal e igualitaria, que prescinde da figura focal disolvendo o protagonismo no público resúltame hiper atractiva, paréceme que vai máis ao tema ritual e que idealmente cumpre coa promesa do punk.»

Penso moito tamén no sentido que ten aínda dar un concerto. Ata non hai moito a música electrónica non me interesaba demasiado, tiña unha idea prexuiciosa cara ela, asociada maioritariamente á “festa pola festa” (xa ves…). Sempre me fascinou o concepto de concerto “tradicional” porque serve como aglutinador de moitas artes: podes facer un cartaz para promocionalo, unhas letras que ao final son poesía, hai teatro, hai interpretación, vísteste dun xeito ou doutro porque hai unha “escena”… pero a idea de rave, de festa de baile libre horizontal e igualitaria, que prescinde da figura focal disolvendo o protagonismo no público resúltame hiper atractiva, paréceme que vai máis ao tema ritual e que idealmente cumpre coa promesa do punk. Extirpa a escena, a actuación e polo tanto pode que (sería fantástico) o ego. Sempre e cando non se convirta nunha festa de disfraces e apariencias sen máis na que a peña vaia a deixarse ver, adaptándose polo tanto ás expectativas dos outros e das cámaras dos outros. Eso é unha merda.

Pero non sei… a min dame moita vergoña bailar e socializar en situacións “normais” e se cadra por iso lle dou tantas voltas e tento atopar cal sería o meu lugar na festa en lugar de esquecerme de todo iso».

Con esta pauta de movemento, o futuro de FOTOCOPIA prende a tenor da ambición por «probar sons e estilos novos. Tamén aprender a facer que soe todo máis potente e máis como eu quero. Facer cancións máis ruidosas e agresivas e cancións máis pop. Encantaríame colaborar con outra xente, montar cousas en conxunto sexa música, video… en Interruptor por agora estou eu só (é unha farsa) pero gustaríame que fose un colectivo real, e mover a outros proxectos afíns. E tocar por aí.»

Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.