A viaxe galespacial de Koroiev

Nado en 1982, o músico e educador Roberto Casteleiro responde á figura inqueda por abrir camiño continuamente. Só así é posíbel sacar adiante proxectos tan persoais como Federico Flesfa, Korokati ou Fagot & Popota.

Foi en 2019 cando Roberto publicou Valverde como Koroiev. Baixo esta personalidade transpórtanos a través dunha experiencia cósmica de sons etéreos. Sentimentos binarios que redimensionan un paseo retrofuturista en nave espacial polos recunchos e explosións físicas da agreste natureza galega dos bosques e os montes ao solpor. Por exemplo, en “Aquí”, deriva o son até a kosmische alemana patentada por gurús do pre-ambient épico como Klaus Schulze. Esta peza inicial serve para contextualizar o percorrido narrativo dun traballo que lembra as aventuras dos viaxeiros espaciais das novelas de Stanislaw Lem, perdidos nun planeta chamado Galicia, que non entraba dentro das súas coordenadas.

Para chegar a desprender esta sensación con Valverde, Roberto explica como o «o proceso de creación foi longo e foi preciso empregar varios anos de deriva para poder compartir a súa forma final. No ano 2014 tiña listo o disco Bogomov, que autopubliquei ao ano seguinte. Nese conxunto de temas narraba a historia de Kostia Bogomov a través de fragmentos de poemas de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro. Bogomov é un rapaz de foxe da cidade en guerra cara á profundidade do bosque, onde atopa a morte. Valverde continúa a historia onde se detivo o anterior disco. O paso cara ao outro mundo, o noso alén, onde Kostia percorre diferentes paisaxes en torno a cidades asolagadas. Un tema que me obsesionou bastante por eses anos, e en Galicia hai moito imaxinario en torno a el. Compuxen as demos dos temas do disco desde finais de 2014 ata finais de 2016. Nese momento vivía en Güimil (Vilarmaior). Ao chegar do traballo pasaba o día no río Lambre ou na horta. Dalgunha forma eses dous anos de vida rural están aí. O río, as árbores, as ruínas no medio do bosque».

© Roberto Casteleiro

Neste sentido, a fisicidade do entorno natural galego está sempre presente nesta alegoría dunha Galicia sci-fi, sensación permanente que fixo presente a través dunha instrumentación tradicional moi característica:

«Lembro que merquei un laúde de segunda man, tiña unha teima pola música modal e pensaba que necesitaba incorporar novas sonoridades. De feito foi fundamental. Aparece nalgúns temas e moitas liñas melódicas de sintetizador saqueinas tocando o laúde. As pandeiretas chegan un pouco máis tarde. No 2016 comecei a ir a clases de pandeireta no CSA A Comuna e iso deume os coñecementos para finalizar as partes de Valverde que me pedían achegarme a nosa percusión. Como dicía, o proceso foi longo, polo camiño aprendín os elementos que constitúen gran parte do eixo da obra. A finais do 2016 toquei en directo parte do disco en Santiago de Compostela, no Ciclo Placeres Ocultos, abrindo o concerto de Noia. Naquel momento gran parte dos temas tiñan letra, seguía querendo cantar. A idea era sacar o disco nalgún momento non moi lonxano. Máis sabía que aínda non o tiña, non era o Valverde que eu quería».

«Quero música que camiñe, musica para camiñar, ese é o propósito do disco.» 

A busca dunha faciana final non foi doada. A teima por dotala dos sucos imaxinados levou un proceso que tamén tivo por medio outras ocupacións que obrigaron a un tempo de espera, o cal fixo a súa función final na materialización dunha idea que non era o punto de partida: «Entre finais de 2016 e finais de 2018 todo o meu tempo estaba adicado a Naranja Imaginario, o proxecto de música electrónica do Centro Ocupacional Pascual Veiga onde traballaba neses anos. O disco de Valverde quedou no caixón e, en xeral, todos os meus proxectos musicais persoais pararon por falta de tempo. Valverde converteuse nun pequeno burato negro que me miraba dende o estudio. Acabou por ser inabarcable, temas complexos que necesitaban unha persoa con tempo, concentración e unha caderno con anotacións para poder rematar co conto. Ata o 2019 non se deron as circunstancias necesarias. Ese tempo no que o disco era un proxecto inconcluso finalmente foi unha sorte de corrente de erosión que limpou a miña visión dos temas. De ser un disco cantado, pasou a só ter un tema con voz, o que lle deu moita máis importancia ás poucas palabras que se din. Os seis primeiros temas son os que menos sufriron modificacións na súa estrutura. A algúns incorporeilles baixos e guitarras que non tiñan para suplir o tema da voz, pero fundamentalmente foi un tema de mistura. De recortar e quitar, coma se agora si tivese a paisaxe na cabeza. Quero música que camiñe, musica para camiñar, ese é o propósito do disco. Seguir os pasos de Bogomov, sen ilustrar, a cousa é provocar un estado proclive á imaxinación. Traballei para que os tons e as dinámicas provocaran unha sensación de movemento Outra cousa que trouxo o descanso do disco é o concepto final, coa incorporación de dous temas (“Beara” e “I/O”), que pechan e cambian o ton cara ao que penso que pode ser o seguinte paso destas antiaventuras».

A forma final desta escultura 2.0 é esculpida polo espectro de Klaus Shulze, tal que na titular do disco, onde funde rítmica tribal galaica con sons xeográficos dun mapa descrito en torno a un irmandamento coa nai terra como os de Florian Fricke nas súas bandas sonoras con Popol Vuh para o director de cine Werner Herzog. O lirismo da súa postura electrónica non é unicamente parello a gramática ambient, senón tamén noutras canles derivadas, coma o tecno clásico que rezouma “Antichton” ou “Modia”, ou na poesía industrial integrada en “Lagoa do Esperón”. Pezas que responden a unha elaboradísima labor levada a cabo por Roberto, quen lembra como «o disco saíu en setembro do 2019 editado por Ferror Records cun deseño feito por min baseado no cadro “O paso da laguna Estigia” de Patinir. “Benefac loco illi quo natus es” [Beneficia ao lugar no que naciches]. Nacín en Ferrol; que o edite xente ferrolá que está a apoiar a cultura musical local xa é un lugar ao que chegar e sorrir».

© Roberto Casteleiro
Marcos Blanco Gendre

Marcos Blanco Gendre

Xornalista anti postureos, non son "the voice of my generation"… nin gañas que teño.

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.