‘Camille & Ulysse’. A esperanza de convivir coas outras especies nun mundo ferido

O último filme de Diana Toucedo é unha peza feita para o CCCB de Barcelona dentro da exposición Ciència Fricció, que a través da ciencia e da arte propón un cambio de mentalidade e de sensibilidade nas relacións entre especies. A cineasta leva así cara ao futuro algunhas das ideas de simbiose entre humanos e natureza que explorara en Trinta Lumes e especula visualmente co futuro posible dun planeta ferido, da man das filósofas Donna Haraway e Vinciane Despret. 

 

«Nun planeta enfermo, onde a vida corre un crecente perigo de extinción, a especie humana debe cambiar o relato da súa suposta superioridade. Hoxe sabemos que a interdependencia entre as especies é un elemento clave da vida, mais desde a ollada occidental o mundo natural segue a presentarse como unha realidade allea coa que só nos relacionamos a partir da domesticación e o control. Podemos atopar outras formas de achegarnos á complexidade da vida que fagan repensar o noso rol como especies? Que prácticas poderían ser un motor de transformación neste sentido? A filósofa norteamericana Donna Haraway e a belga Vinciane Despret levan dedicado gran parte da súa obra a estas cuestións e teñen traballado xuntas en diferentes proxectos que apuntan nesta dirección. Diante dun futuro con frecuencia reducido ao colapso, as dúas propoñen aprendermos a vivir xuntos desde unha mirada transformadora». Así resume o Centro de Cultura Contemporánea o pensamento destas dúas filósofas que Diana Toucedo (Redondela, 1982), leva agora ao audiovisual en Camille & Ulysse e inspira, entre outros autores, a exposición Ciència Fricció, para a que foi feita o filme. 

Foi o crítico de cine Jordi Costa, agora á fronte do departamento de exposicións do CCCB, quen pensou en Diana Toucedo para encargarlle este filme, fascinado por Trinta Lumes, a primeira longametraxe da directora, que se presentara na Berlinale de 2018. A premisa era poñer a dialogar estas filósofas coa lectura de dúas das súas fábulas, “As historias de Camille” (publicado no libro de Haraway Seguir co problema: xerar parentesco no Chthuluceno, de 2016, traducido ao castelán na editorial Consonni) e o relato de Despret Autobiografía dun polbo, publicado en francés esta primavera. «De partida o que me pedían era unha cousa moito máis sinxela: gravar unha pequena conversa case a modo de Zoom entre estas dúas filósofas», explica Toucedo desde Barcelona, onde vive, «e claro, eu estaba un pouco horrorizada, porque creo que estamos xa todas fartas de Zoom e de pantallas. Dixen: “non, intentemos buscar algo máis”. E abríronme a proposta a un espazo de creación moi libre». Libre mais con limitacións: había pouco tempo para facer a peza e polas restricións da pandemia a Diana non lle era posible viaxar onde viven as autoras. Isto acoutou as posibilidades bastante pero tamén as abriu máis alá da proposta inicial «para ir a algo que fose máis interesante desde o punto de vista audiovisual e tamén teórico, e que toda a proposta visual e sonora encaixase na raíz conceptual do que queriamos transmitir». 

Partindo de aí a cineasta, que xa coñecía a obra de Donna Haraway e algo menos a de Despret, viu o nexo que unía os dous textos: «as dúas están reflexionando sobre como a partir de espazos danados, dunha terra ferida e contaminada, o reto das xeracións futuras será e reconfigurar, sandar, reconstruír e aprender a convivir doutro xeito co resto das especies». E a idea foi poñer as dúas autoras a ler os seus textos neses espazos. Por iso o traballo de localizacións foi moi importante: «Non foi fácil por todas as limitacións que tivemos, pero tanto en California como no sur de Francia, que foi onde conseguimos gravar con Vinciane, busquei ese espazo semiderruído, industrial ou contaminado». En cada un destes lugares as autoras sentan a lernos fragmentos das súas fábulas: «Parecíame importante a súa presenza e o feito de ler, desa oralidade que di “vouche contar un relato”. As dúas teñen unha presenza escénica e performativa ante a cámara espectacular e tamén quería xogar con iso, que me parecía un elemento clave. Pero tamén como unha idea política, de reivindicar esa cuestión de nos contar, de falarmos desde un lugar que é ao que nos temos que enfrontar agora mesmo». 

«As dúas autoras están reflexionando sobre como a partir de espazos danados, dunha terra ferida e contaminada, o reto das xeracións futuras será e reconfigurar, sandar, reconstruír e aprender a convivir doutro xeito co resto das especies»

© Diana Toucedo

O resultado é un filme de 46 minutos de duración no que á posta de escena das dúas filósofas lendo os relatos de Camille e de Ulysse neses lugares súmanse outras imaxes da súa cotiandade, paseando cos seus cans polos espazos naturais onde elas reflexionan sobre estes temas. Ademais aparecen en escena outros seres non humanos: unhas criaturas animadas en 3D que ocupan parte destes espazos mentres elas len, e para cuxa creación Toucedo contou coa colaboración dos artistas Marija Avramovic & Sam Twidale, baseados en París: «Faltábame ese poder imaxinar cara a diante, esa especulación futura que elas teñen nos textos, porque abarcan case 400 anos a futuro cos seus relatos. Por un lado queriamos non coartar a capacidade do espectador para poder soñar, imaxinar e fabular a partir do propio texto de Donna e Vinciane, pero ao mesmo tempo sentía que desde o audiovisual precisaba dar algo, apuntar cara a algo que puidese ser ese futuro imaxinado desde a imaxe».

E entrou en contacto con eles a través de Fabbula, a produtora francesa de arte dixital que, canda o CCCB e o Centre Pompidou de París, desenvolveu o proxecto: «Gustábame moito como Sam e Marija traballaban desde unha especie de textura case de acuarela, compoñendo personaxes con cualidades máis alá do humano. E ademais eles non fan 3D ao uso senón que traballan con intelixencia artificial para que estes personaxes acaden vida propia. Foi un reto espectacular traballar con isto, porque ademais de abrirme a un mundo que para min era descoñecido, a cuestión da intelixencia artificial fíxome entender que filmar ou capturar en imaxe estas criaturas era case o mesmo que estar gravando documental: non son actores que che dan o que ti queres, senón que teñen autonomía e fan as súas cousas». Unha experiencia que para a cineasta foi «fascinante».

«Ademais de abrirme a un mundo que para min era descoñecido, a cuestión da intelixencia artificial fíxome entender que filmar ou capturar en imaxe estas criaturas era case o mesmo que estar gravando documental: non son actores que che dan o que ti queres, senón que teñen autonomía e fan as súas cousas»

A outra pata do proxecto estaba en Vigo e era a música de Belén Vidal, BFlecha, que achega a parte sonora a este universo. «Xa nos coñeciamos desde hai tempo pero non sabía que estaba traballando tamén con moitas destas autoras de fondo. Autoras de referencia que fan moito pensar de onde proveñen os sons, o tema do Antropoceno, sacar o humano do centro… non sabía que o tiña tan presente. Levaba moito tempo querendo traballar con ela e desta vez todo encaixaba. Os nosos puntos de partida da creación estaban a beber do mesmo», e así "Blázares", un dos temas de Ex Novo, o último disco de BFlecha, é o que acompaña a ensoñación visual do filme sobre este futuro posthumanista. 

Unha liña de tempo que comezou en ‘Trinta lumes’

Hai varios elementos en Camille & Ulysse que conectan coa longametraxe Trinta Lumes. Se cadra o máis obvio é conexión das persoas co territorio e coa natureza. Mais tamén está esa convivencia case fantasmal que en Trinta lumes viamos entre presentes e ausentes, entre os vivos e os mortos do pasado, mentres que neste novo filme a convivencia é cos seres que habitarán o futuro. Para Diana Toucedo de primeiras estas similitudes non estaban tan claras: «Ao principio cando Jordi Costa me dixo que vían en Trinta lumes moitas conexións con isto eu dicía “cales?”, porque non era capaz de ligalas ata que despois as fun vendo. E si, pareceume moi interesante facer unha especie de liña de tempo de longo percorrido, de estar con Trinta lumes pensando todas esas relacións entre a natureza e o humano, igualmente dun modo moi simbiótico -o que permitiu que o Courel chegue aos nosos días tal como está tamén por toda esa conservación, coidado e profunda conexión entre esa man que traballa a terra e a coida- pero tamén recíproco, cunha natureza que se impón baixo o influxo da cal vive a xente. Este novo reto facíame preguntarme como podo pensar cara a diante, cando ao mellor esa relación entre humano e natureza rompeu e xa non é tan sá, foi danada pola cantidade de prácticas que fomos facendo nestes últimos anos que están xerando unha ferida irreversible… pareceume interesante ver esta liña cronolóxica tan grande. E xustamente a cuestión das ausencias para min foi fundamental, é algo que me obsesiona sempre como obxecto de traballo e investigación. Se esas ausencias dos mortos que nos fan convivir co pasado estaban en Trinta lumes, en Camille & Ulysse trátase de como podemos invocar outras ausencias ou presenzas non vivas ou non matéricas a través do visual e do sonoro.

Os dous filmes tamén teñen en común que se trata de espazos semiabandonados nos que brotan novos fíos de vida, doutras vidas posibles. Hai esperanza despois do colapso? Contesta Toucedo: «Si, de feito o outro día cando presentabamos a peli e faciamos unha charla coas dúas filósofas elas insistían dun xeito moi rotundo en que, aínda que poidan parecer moi catastrofistas, o seu discurso para nada o é. A capacidade que elas teñen de relatar e de compartir é constantemente desde a esperanza, non desde ese colapso e a negatividade senón desde unha nova visión, porque o que nos están demandando é podermos imaxinar ese futuro para facelo real. A min iso paréceme moi esperanzador, e ademais unha das grandes forzas que ten o cinema e o papel da imaxe nos nosos días, xustamente, é xerarnos referencias para que cada un de nós a nivel individual e colectivo nos pensemos.» 

«Está a mudar o mundo e teñen que mudar as nosas prácticas e as nosas formas de entender o audiovisual e o cinema, desde a creación pero tamén desde a recepción, desde o público.» 

A obra fala da simbiose entre especies, algo no que cada vez se pensa máis desde o ecofeminismo e o posthumanismo, con Donna Haraway como unha das autoras de referencia. Como abordar iso desde o cinema? A cineasta ten claro que «é urxentísimo, necesario e vital que introduzamos estas novas sensibilidades e puntos de vista. O cinema lamentablemente, como todas sabemos, artellouse sempre en torno a certos canons e voces imperantes que nos amosaban o mundo desde un lugar determinado, aínda que sempre houbo unha periferia, unha marxinalidade de voces discordantes que estiveron a nutrir a nosa cultura audiovisual durante todos estes anos. É irreversible, xa non podemos pensar no noso presente sen toda esta cantidade de identidades diversas sobre as cales nos constituímos: identidade sexual, identidade política, identidade económica… podemos abordalo todo. Véxoo urxente e imposible de obviar. Está a mudar o mundo e teñen que mudar as nosas prácticas e as nosas formas de entender o audiovisual e o cinema, desde a creación pero tamén desde a recepción, desde o público.» 

Esta nova maneira de ver o mundo tamén ten o seu impacto persoal e profesional en Diana Toucedo: «Pois estou nunha profunda crise agora mesmo (ri). Xenial, eh, pero é deses momentos nos que te sentes como que te vapulean intelectualmente por tantos lados que estou nunha situación de repensar, cuestionar e reformular moitas cousas. Nese sentido creo que pode ser un antes e un despois, porque aínda que Camille & Ulysse poida ser unha obra máis pequena na miña carreira sei que internamente non o é. Ter o contacto que acabo de ter nestes meses con elas, ler todo o que levo lido, a maneira en que me fixo recuestionar o meu posicionamento a nivel global... iso é dun calado tan profundo que aínda non sei como sairei de aquí. Pero si, é transformador». 

Camille & Ulysse pódese ver no CCCB de Barcelona dentro da exposición Ciència Fricció, comisariada por María PTQK, ata o 28 de novembro, e haberá no mesmo centro proxeccións especiais durante todo o verán. A partir de aí Diana e os produtores queren distribuíla polo circuíto cultural e enviala a festivais, aínda que ela gustaríalle que se puidese proxectar noutros espazos ligados á ciencia, o pensamento e a divulgación, acompañada de conferencias ou outros dispositivos que lle desen contexto a estas correntes filosóficas e políticas que presiden o filme, e que creen interseccións entre distintos públicos: «A encarga no fondo non deixaba de ter esta vontade no centro: tanto Donna coma Vinciane dentro de certos circuítos resultan moi fascinantes pero noutros poden ser autoras complexas nas que entrar. Os seus textos están cargados de datos técnicos e científicos, de terminoloxía complexa, e eu insistía moito en querer facelo dixerible, aberto a un público máis amplo. Sen perder a súa esencia, intentando preservar e respectando moito a súa obra, pero facendo que esa apertura chegue a través das emocións e dos sentidos, pois non só aprendemos a partir do que nos entra polo intelecto. No fondo as dúas falan diso, dos códigos que van máis alá da linguaxe humana, e esa é tamén a miña misión como cineasta.» 

 

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.