Semana Santa. 10 plans baratos para facer nunha das semanas máis raras do ano

Días festivos, comidas e procesións se non vas a ningún sitio. Colas, prezos altísimos e aglomeracións se decides ir de viaxe. Vén aí a Semana Santa e se tes días libres xa tes un problema: que facer con eles? Ofrecémosche dez plans alternativos, baratos e interesantes.

Xa sabemos como é a Semana Santa e, a non ser que sexas un católico practicante, éche unha semana ben rara. Nin é verán, nin é inverno, pero moitas veces chove sen parar. Hai procesións en cada lugar ao que vaias. De feito, se andas de paseo por algún casco histórico dalgunha cidade galega é relativamente fácil verte atrapado nunha sen contar. Ademais na Semana Santa todo o mundo está de vacacións, e cando dicimos todo o mundo é todo o mundo. Tanto ten que vaias á túa aldea ou de excursión á outra esquina do país, todo está cheo de turistas, ben galegos ou ben de fóra. E dúas cousas moi importantes: non hai nada que facer e se o hai é pagando. En VINTE propuxémonos amañarche a Semana Santa e para iso buscamos 10 plans diferentes, bastante baratos e sen ter que viaxar moito. Velaquí están:

1. Ir de festival

E logo? Pois é unha época coma outra calquera para ir de festival. E temos un barato e ben interesante moi cerca: o Freakland de Ponferrada. A menos de media hora en coche da fronteira galega temos un festival de rocanrol de tres días con moitos alicientes. Por citar tres bandas estarán Thee Blind Crows presentando o seu flamante novo disco, os londinienses Bronco Bullfrog co seu excelente directo e os garaxeiros italianos The Peawees. Ademais haberá moitas outras bandas interesantes, exposicións e djs. E todo isto en Ponferrada, onde podedes disfrutar da gastronomía, da cidade e da excelente oferta nocturna. Toda a información na súa páxina de Facebook

Cartel do Freakland 2019. © Freakland Festival

2. Ir de concertos polo país

Pois si, aínda que non o pareza, hai promotores e locais que arriscan facendo concertos en plena Semana Santa. De feito hai moitos e en todas as provincias. Hai para todos os gustos, pero nós recomendámosche algúns en concreto. En Santiago de Compostela presentan este sábado disco Sés no Teatro Principal e Familia Caamagno (+Oh! Ayatollah) na Capitol. Nesta mesma sala están o día 18 Teenage Fanclub, unha oportunidade para ver en directo unha das institucións do pop de guitarras dos últimos 25 anos. En Vigo tocará Dorian Wood, o estadounidense con raíces en Costa Rica, interpretará a súa particular homenaxe a Chavela Vargas. En Lugo teremos a presentación do Fa Ce La Fest, con Pablo Und Destruktion e Los Jinetes del Trópico, entre outros. Na Coruña temos este sábado a visita de Greta Kline, a cantautora pop neoyorkina que coa súa banda se fai chamar Frankie Cosmos. Uns días máis tarde Radio Océano, ademais dos seus clásicos, tamén ofrecerá no Garufa Club algún dos temas novos que están preparando. E xa en Ourense temos dúas iniciativas encomiables. En Sandiás, na Corte dos Bois, continuarán co seu ciclo de jazz e desta volta tocaralle a Jorge Pardo Cuarteto. E noutra aldea non moi lonxe de alí, en Vilar de Santos, teremos a Ghaveta e Obal tocando na Arca de Noe

Cartel da presentación do Fa Ce La Fest 2019. © Fa Ce La Fest 2019

 3. Ir á neve, pero a onde máis mola

Todo apunta a que vai haber neve no territorio galego durante a Semana Santa. Para disfrutar dela podemos ir esquiar a Manzaneda en plan comercial (que está ben eh, non dicimos nada en contra) ou podemos ir cara a zona de Pena Trevinca a camiñar e gozar coa natureza. O bo de ir a Trevinca e que hai moitos alicientes. Temos dúas opcións, ir polo lado da Veiga ou ir polo lado de Carballeda de Valdeorras. Se imos pola Veiga temos rutas de sendeirismo incribles e poderemos gozar coas lagoas que hai (incluída a famosa Lagoa da Serpe) e cunha paisaxe de montaña fascinante culminada coa propia Pena Trevinca, o teito de Galicia. Na web do concello da Veiga téñeno todo moi ben explicado, con todas as rutas e todo o que hai que ver, todo un exemplo de bo facer municipal. Se imos polo lado de Carballeda de Valdeorras a paisaxe está máis deteriorada debido ás canteiras de lousa, pero hai algunhas cousas realmente interesantes e non hai que andar tanto. Podemos subir en coche desde o Barco e visitar a aldea de Casaio (vaia vistas que hai desde alí) e despois seguir ata a fronteira con León, na Fonte da Cova, onde hai un hotel e un refuxio de montaña. Ata non hai moitos anos aquí había un pequeno remonte e pequena pista de esquí, ideal para principiantes, agora queda a pista que vale igual, pero non hai remonte, así que baixas hai que subir a pé. Desde este punto podemos ir camiñando ata as antigas minas de volframio dos nazis, que teñen moita historia detrás, tal e como conta o compañeiro Marcos Pérez Pena en Praza. E desde alí tamén podemos seguir camiñando para ver unha das xoias naturais de Galicia, o Teixadal de Casaio, un bosque de teixos centenarios único en Europa. Hai varias rutas dependendo do que queiramos camiñar e da dificultade, pero todas merecen a pena. 

Antigas minas dos nazis en Casaio (Carballeda de Valdeorras). © Sputnik Labregos

4. Coñecer o Couto Mixto (e Tourem e Guntumil)

O Couto Mixto foi un territorio que abarcaba parte de Galicia e Portugal que se declarou independente e que se autoorganizaba coas súas propias leis. Foi disolto no 1864 e estaba constituído por tres parroquias: Santiago, Meaus e Rubiás. Saben ben o conto os seus veciños. Esta pode ser unha escusa para ir dar unha volta por unha zona pouco coñecida. Podemos ir ata Meaus, unha aldea (na actualidade) que no seu tempo foi unha vila comercial bastante importante. De feito hai edificios en Meaus de dous andares que son iguais a algúns da zona vella de Pontevedra. Neste programa da TVG contan a historia do Couto Mixto. Desde Meaus e xa fóra do Couto Mixto, poderíamos ir ata Tourem e Guntumil, dúas aldeas grandes moi afastadas. Tourem pertence a Portugal e Guntumil a Galicia e están separadas unha da outra por 2 quilómetros. As dúas teñen fornos comunais onde os veciños facían (e ás veces aínda fan) o pan todos xuntos. Non é habitual que anden turistas por estes lares, así que se ides podedes contar un conto con eles que teñen moito que aprendernos aos que vivimos cerca de todo.

Mapa do Couto Mixto. CC-BY-SA Fabio Mendes

5. A ruta da ‘Fariña’

O que oes. Igual que en Medellín levan tempo facendo rutas turísticas sobre Pablo Escobar, que se puxeron máis de moda á raíz da serie Narcos, nas Rías Baixas xa é posible facer turismo seguindo os pasos de Sito Miñanco, os Charlíns e Laureano Oubiña. Desde 65 euros lévante todo o día por aí e fanche unha visita guiada con rutas a pé polas localizacións da serie Fariña (e as da triste realidade, vaia) en Cambados, Vilagarcía, Vilanova, As Sinas e As Furnas. Pero o máis espectacular de todo é unha volta en planadora pola ría de Arousa sorteando os polígonos de bateas. A empresa Volta Montana organiza as rutas a partir de 4 persoas, tes todos os datos na súa web.

Praia das Furnas, no Porto do Son. © Volta Montana

6. Ir ver sitios abandonados

Todos os lugares abandonados teñen o seu encanto, e se son edificios con algo de historia aínda máis. Propoñemos unha pequena ruta para ver ou visitar edificios e lugares que están abandonados ou sen actividade, e que cremos ben merecen unha parada. Son todos nos arredores da Coruña. Empezaríamos en Cambre vendo a Casa Bailly, unha antiga mansión modernista que despois de diferentes usos (entre eles foi cárcere) acabou abandonada. Despois iríamos ao Parque do Pasatempo de Betanzos, que é un lugar moi concorrido pero que sempre merece unha visita máis, polo menos para darse conta do espectacular que tivo que ter sido iso cando se rematou en 1914. Continuamos en Cesuras, para ver o antigo sanatorio, un edificio que impresiona só con velo. 

Antigo sanatorio de Cesuras. © Uxía Arias

E podemos rematar nun lugar tamén moi curioso, o antigo colexio “Os Hexágonos” de Fene, que estivo aberto de 1970 a 1985, e que ten uns edificios en forma de hexágonos moi interesantes. Compre dicir que tanto a Casa Bailly como “Os Hexágonos” son propiedades privadas, polo tanto só se poden ver desde fóra, e en VINTE descargamos toda responsabilidade se vos metedes dentro e acabades tendo problemas coa xustiza.

Antigo colexio “Os Hexágonos” de Fene. © Uxía Arias

7. Ir ver ‘Neorretranca e posmorriña’, a nova montaxe do CDG

O Centro Dramático Galego estrea este xoves en Compostela a súa nova produción propia, Neorretranca e posmorriña, dirixida por Gena Baamonde e interpretada por un elenco de 10 actrices de distintas xeracións: Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde. Baixo este título, a compañía pública pon en escena as pezas Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte, que lle ofrecen ao público dúas olladas moi diferentes arredor da identidade galega como punto de partida común. A linguaxe corporal e o xogo escénico son os eixos arredor dos que se levantou Fantasía nº 5 en sol ou non, definida por Gena Baamonde como unha colaxe, un “catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer”. A partir deste traballo de movemento grupal, o texto vai poñendo o foco en tópicos e prexuízos, que se abordan desde a ironía, o humor e a crítica irreverente. Pola súa banda, Boisaca ou a divina desgraza reflicte outra visión da dramaturxia contemporánea, cun fío narrativo máis recoñecible e cargado de retranca a través de personaxes moi caricaturizados. O propio Roi Vidal, encarnado nunha actriz veterana, é un dos personaxes desta obra, na que –coa encarga de escribir un texto sobre a identidade galega como escusa– emprende unha viaxe polo máis alá na procura do seu pai, Roberto Vidal Bolaño. Neste camiño, irase atopando con algunhas figuras emblemáticas do imaxinario galego como Isaac Díaz Pardo, Castelao ou Rosalía, ademais de contar coa axuda de Mary Shelley, a autora de Frankestein, para intentar encaixar cada unha das pezas desa idea de Galicia. No Salón Teatro ata o 5 de maio. Aquí tedes a información sobre datas e billeteira. 

8. Escoitar música medieval nunha igrexa

Podemos asegurarche que é unha das experiencias sonoras máis singulares que poderás experimentar. Aínda que non teñas intención de practicar fe ningunha estes días, as igrexas son un lugar perfecto para recollerse en silencio, admirar o patrimonio artístico e, si, escoitar música. A maioría destes edificios foron deseñados cunha acústica que en poucos lugares se atopa. Pois imaxina que en vez do crego ou da coral polifórnica do lugar o que tes é música tocada con instrumentos imposibles de atopar hoxe en día como un zanfona medieval, unha viola de tres cordas, un salterio e unha xiga. Pois ben, o Obradoiro de instrumentos musicais do CENTRAD acaba de recuperar algúns destes instrumentos crando unha colección de pezas que pon a disposición de intérpretes que queiran aprender a tocalos. O grupo Lucus Ensemble, un dos principais referentes da música de cámara de Galicia, será o encargado de facer soar esta música medieval en espazos sacros singulares de distintos lugares da provincia de Lugo. A xira empeza este domingo 14 de abril na igrexa de Santa Mariña de Antas de Ulla. Aproveita a ocasión para visitar as terras de Ulloa ou para descubrir outros lugares do sur da provincia de Lugo. Se a escusa musical non che abonda tes a alcólica, con festas do viño en Amandi e en Quiroga e a festa da augardente en Portomarín

Cartel de Lucus Ensemble en Santa Mariña de Antas de Ulla. © Deputación de Lugo

9. Facer a visita guiada de Elisa e Marcela

Elisa e Marcela foron en 1901 as primeiras mulleres en España que casaron pola igrexa. A súa historia, que hoxe é coñecida, aínda o vai ser máis coa estrea en cines da película Elisa Y Marcela de Isabel Coixet. A visita guiada consiste nun tour pola cidade da Coruña recorrendo os lugares que foron importantes na súa historia. Saíndo da espectacular praza de Azcárraga, na cidade vella, e en 90 minutos de duración, ten case 20 paradas importantes, entre elas a igrexa na que casaron e a pensión onde pasaron a súa noite de vodas. Nesta web está toda a información.

Marcela e Elisa o día da súa voda. Dominio Público José Sellier

10. Ir visitar o museo do videoxogo de Cangas

Pois si, existe un museo do videoxogo e está en Cangas, é o MUVI. Ten modelos de consolas desde os anos 70, incluíndo todas esas dos 80 que nos farán chorar de emoción. Ademais é un espazo que busca a xuntanza de xente que adore os videoxogos para debater, falar e, claro está, xogar. Unha boa excusa para dar unha volta polo Morrazo e disfrutar de todos os seus alicientes, que son moitos.

Interior do museo con algúns dos modelos expostos. © MUVI

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.